INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA AVOGA POR IMPLANTAR MEDIDAS DE AFORRO E EFICIENCIA ENERXÉTICA NAS EMPRESAS COMO UNHA DAS CLAVES PARA MELLORAR A COMPETITIVIDADE NO SECTOR INDUSTRIAL

25/03/2010

Santiago, 25 de marzo de 2010.

"A eficiencia enerxética debe ser un esforzo continuo e constante que nos atinxe a todos e por esta razón temos que estender a cultura do aforro ao conxunto de sectores económicos, incluído o sector industrial, que ten diante de si a oportunidade de aproveitar as vantaxes que supón a implantación de medidas de aforro e eficiencia nas empresas, como unha clave para mellorar a súa competitividade".

Así o destacou o director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Eliseo Diéguez García, este mediodía en Tecnópole na clausura das actividades enmarcadas dentro do mes do aforro e da eficiencia enerxética que, promovidas pola Consellería de Economía e Industria, a través do Inega, tiveron como punto de arranque o 5 de Marzo, "Día Mundial da Eficiencia Enerxética", cunha representación teatral con participación de máis dun cento de escolares e que presidiu o titular autonómico Javier Guerra.

O director do Inega incidiu en que "a situación económica actual obriga hoxe, quizais máis que nunca, a estudar as posibilidades de aforro enerxético e a asesorar aos empresarios, para que poidan elixir entre as diferentes opcións enerxéticas a fin de alcanzar unha maior competitividade".

"Desde o Instituto Enerxético de Galicia estamos poñendo o noso gran de area nesta tarefa e, ademais de ter desenvolvidos estudos sectoriais de mellora da optimización enerxética, tamén nestes momentos temos en marcha unha experiencia innovadora de polígonos empresariais eficientes, mediante un convenio coa Federación Galega de Parques Empresariais (Fegape), consistente na realización de plans de formación e auditorías nas empresas adheridas á Federación, así como na realización de plans de transporte en diversos polígonos industriais, entre os que se atopa este, de San Cibrao das Viñas", resaltou.

Auditorías enerxéticas on-line

Así mesmo Diéguez anunciou que "o Inega deseñará neste ano unha aplicación informática para que as pemes poidan realizar auditorías enerxéticas on-line, ferramenta que lle permitirá diminuír os seus custos enerxéticos, coñecer técnicas que permitan corrixir as ineficiencias enerxéticas, introducir a cultura da racionalización de consumos e, en definitiva, incrementar a súa competitividade".

Óptica empresarial do tema enerxético

Por outra parte, o director do departamento de Enerxía e Planificación Enerxética do Inega, Emérito Freire Sambade, que previamente ao acto de clausura ofreceu unha conferencia sobre o aforro e a eficiencia enerxética no sector industrial, destacou que "dada a importancia actual e futura da enerxía, o tema enerxético debe ser afrontado desde unha óptica de xestión, da mesma maneira que se tratan os outros recursos empregados polas empresas".

Neste sentido Freire explicou as distintas alternativas que teñen as industrias para mellorar o rendemento e que pasan pola aplicación de medidas de baixo custo; a realización de auditorías enerxéticas ou a creación nas empresas da figura do xestor enerxético, cuxa misión será a de transmitir e promover ideas, coordinando os obxectivos enerxéticos que se queren lograr.

Actividades e campaña informativa

A Consellería de Economía e Industria rematou en Ourense as actividades de promoción da eficiencia enerxética que veu desenvolvendo en distintos puntos da xeografía galega ao longo do mes de marzo. Ademais do acto central do "Día Mundial da Eficiencia Enerxética", que se celebrou en Santiago de Compostela o pasado 5 de Marzo, e que estivo presidido polo conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, o día 8 de marzo tivo lugar unha xornada de eficiencia enerxética na rúa no Concello de Agolada, na que participaron ao redor dun cento de persoas.

Así mesmo, o 18 de marzo desenvolvéronse no Parque Eólico Experimental de Sotavento diversas actividades de eficiencia enerxética nas que preto de 60 escolares participaron en diversos obradoiros e visitaron a vivenda bioclimática que Economía e Industria está a piques de rematar. No marco deste programa de actividades a Facultade de Ciencias da Educación da USC acolleu o 22 de marzo a presentación da exposición do Inega "Un Mundo de Enerxía", que ten como fin promover un consumo enerxético eficiente e responsable entre a comunidade universitaria.

Paralalemente as actividades do mes da eficiencia enerxética o Inega puxo en marcha a campaña informativa "Aseguremos o futuro. Usa a enerxía de forma eficiente". O obxectivo último destas actuacións promovidas pola Consellería de Economía e Industria, a través do Inega, son as de conseguir a máxima implicación por parte dos cidadáns na tarefa de conseguir uns maiores niveis de aforro e eficiencia enerxética, así como de promover a súa concienciación respecto á necesidade de usar enerxías renovables a fin de acadar un sistema enerxético caracterizado polo desenvolvemento sostible e baseado na protección do medio natural.