INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA PROMOVE A FORMACIÓN EN CERTIFICACIÓN ENERXÉTICA DE EDIFICIOS CON 9 CURSOS NAS DIFERENTES CIDADES GALEGAS

29/03/2010

Santiago, 29 de marzo de 2010.

A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia, desenvolverá entre os meses de abril e xullo unha completa programación de 9 cursos de formación sobre "Modelización e prácticas experimentais para a Certificación Enerxética de Edificios", que se celebrará nas principais cidades galegas.

O obxectivo final destes seminarios, que o departamento que dirixe Javier Guerra Fernández desenvolverá da man do Inega no marco de colaboración global que ten co IDAE (Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía), é o de formar, informar e concienciar aos axentes implicados e aos afectados pola nova normativa enerxética edificatoria para propiciar que se consuma menos enerxía e dun xeito máis racional no sector, de xeito que se minimice o consumo enerxético neste ámbito.

En Europa o sector da edificación presenta un consumo de enerxía final que se sitúa nunha media de entre o 35% e o 40% do gasto enerxético total, o que motivou que as directivas europeas neste campo se traspuxeran aos diferentes estados membros para que cada un a través da súa lexislación puxera en práctica as medidas de aforro e eficiencia enerxética propostas nas correspondentes directivas. En España estas transposicións realizáronse a través do CTE (Código Técnico da Edificación), do Real Decreto de Certificación Enerxética de Edificios e do RITE (Regulamento de Instalacións Térmicas en Edificios).

Casos prácticos

Concretamente este programa de cursos que se iniciarán o día 20 de abril na sede do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), en Santiago de Compostela, están dirixidos a capacitar aos profesionais da edificación no manexo dos programas informáticos de referencia relacionados coa eficiencia enerxética no sector da edificación, mediante métodos experimentais e resolución de casos prácticos. Por esta razón os seminarios van dirixidos a profesionais relacionados co deseño e verificación de sistemas relacionados co consumo de enerxía en edificación, particularmente en arquitectura, sistema de climatización, iluminación e enerxías renovables, así como a estudantes de último curso e posgrao en Escolas de Enxeñerías (Superior e Técnica) e Arquitecturas (Superior e Técnica).

Requisitos para a admisión

O custo de realización por curso é de 60 euros. Os interesados en tomar parte nel deberán dispór dun ordenador portátil que cumpra os requirimentos asociados ao uso dos programas informáticos de referencia relacionados coa eficiencia enerxética ne edificios e así mesmo deberán acreditar mediante curriculum actualizado os coñecementos relacionados co sector.

Calendario de impartición

Cada curso constará de 36 horas lectivas e será impartido en 9 xornadas de tarde (de 16.00 a 20.00 horas), de acordo co seguinte programa provisional (susceptible de cambios, por motivos técnicos e organizativos).

Procedemento de inscrición

A preinscrición realizarase a través da páxina web de Bureau Veritas: http://construccion.bureauveritas.es/cursos/, como entidade encargada polo Inega para a xestión e impartición dos cursos. As prazas adxudicaranse por rigorosa orde de recepción, ata un máximo de 25, sempre que se reúnan os requisitos precisos. Non serán seleccionados aqueles alumnos dos que non se recibiu os seus curriculums antes do prazo límite de preinscrición.

Alternativamente, poderanse enviar por fax (981 269 592) a solicitude de preinscrición rechea. A data de prioridade virá neste caso dada pola hora de recepción correcta do fax.

A relación de alumnos admitidos pecharase dentro da semana do fin do prazo de preinscrición. Enviarase un correo electrónico (ou fax na súa falla) aos admitidos, indicándolles o número de conta do Inega onde deberán facer efectivo os abanos dos dereitos de inscrición nun prazo máximo de dous días.

A inscrición definitiva no curso realizarase unha vez se reciba en Bureau Veritas a copia do ingreso bancario polo abono destes dereitos. Os alumnos deberán ir aos cursos provistos do correspondente ordenador portátil preparado para a instalación dos programas de referencia.

 

 

 

 

  1. Descarga