INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

DIÉGUEZ INAUGURA A EXPOSICIÓN “CIENCIA EX AEQUO”, QUE COMBINA O MUNDO DA ENERXÍA E DA CIENCIA, A TRAVÉS DE 12 LENZOS QUE TEÑEN COMO TEMÁTICA DESCUBRIMENTOS REALIZADOS POR MULLERES

04/05/2010

Santiago, 4 de maio de 2010.

O presidente do Parque Eólico Experimental Sotavento e director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) da Consellería de Economía e Industria, Eliseo Diéguez García, inaugurou hoxe no Auditorio deste centro sito en Xermade, a exposición "Ciencia Ex Aequo", da pintora e directora do IES Urbano Lugrís da Coruña, Margarita Cimadevila, que estivo presente no acto e que explicou o proceso de creación desta mostra, que combina o mundo da Enerxía e da Ciencia, a través da Arte plasmada en 12 lenzos que teñen como temática central distintos avances científicos e descubrimentos de mulleres que traballaron nestes campos. Á inauguración tamén asistiu como público un grupo de alumnos de 1º de Bacharelato, do IES Francisco Aguiar, de Betanzos.

Diéguez resaltou "a orixinalidade, o valor pictórico e o simbolismo da exposición, que se enmarca perfectamente dentro da actividade divulgativa e de difusión das enerxías renovables que estamos a levar a cabo a través do Parque Eólico Experimental de Sotavento, participado polo Inega nun 30,5%". "Pero ademais a exposición ten un valor engadido moi importante, xa que pretende ser unha homenaxe ás mulleres que traballaron no campo da ciencia e que non tiveron todo o recoñecemento debido", engadiu.

As 12 obras pictóricas que compoñen a exposición da artista polifacética Cimadevila plasman principios, leis e ecuacións da Física e da Química realizados por mulleres que quedaron relegadas historicamente a un segundo plano e ás que se trata de rescatar do esquecemento. Os títulos dos lenzos son os seguintes: "Fisión Nuclear"; "Renio"; "Estrelas", "Clases Espectrais"; "Non conservación da paridade"; "Francio"; "Teorema de Noether"; "ADN"; "Púlsares"; "Cromosomas e sexo"; "Luminosidade en estrelas variables" e "Núcleo interno da terra".

O director do Inega felicitou á autora pola realización desta exposición e agradeceulle a cesión temporal ao Parque Eólico Experimental de Sotavento "posto que ao longo do tempo de permanencia nestas instalacións, ata o 30 de xuño, será moita a xente que terá a oportunidade de coñecela a través do programa de visitas organizadas que a diario recibe Sotavento, que superan as 20.000 ao ano, como a que hoxe recibimos do IES Francisco Aguiar, de Betanzos".