INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA AMPLÍA EN 500.000 EUROS OS FONDOS DO PLAN RENOVE DE FIESTRAS 2009, CUXA SOLICITUDE DE AXUDAS SE ABRE MAÑÁ

10/05/2010

Santiago, 10 de maio de 2010.

O Plan Renove de Fiestras 2009 do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), adscrito á Consellería de Economía e Industria, terá unha segunda edición, dotada con 500.000 euros de orzamento, ante o elevado volume de solicitudes recibidas, que fixo que o orzamento inicial do Plan, 1,2 millóns de euros, se esgotase na súa totalidade a tan só 3 días da súa posta en marcha. Así o anunciou hoxe o director do Inega, Eliseo Diéguez, en rolda de prensa, na que indicou que a petición de subvencións, conforme á ampliación de fondos deste Plan, se poderá formalizar xa desde mañá, martes, 11 de maio, ata o 30 de outubro ou ata finalización do orzamento.

O Plan Renove de Fiestras é unha liña de axudas destinada a fomentar a redución do consumo de enerxía no sector doméstico, a través da rehabilitación dos ocos acristalados das fachadas, co fin de mellorar a eficiencia enerxética das vivendas e das edificacións. A contía máxima das axudas, que poden solicitar calquera persoa física ou xurídica, mantense en 100 euros por metro cadrado, ata un máximo do 25% do custo total da obra, e cos límites de 5.000 euros por vivenda unifamiliar e de 100.000 euros por bloque de vivendas ou terciario.

Actuacións subvencionables

Serán obxecto de subvención a través desta nova acción de promoción de aforro e da eficiencia enerxética do Inega a substitución de fiestras ou portas de balcón que separen estanzas calefactadas do exterior, sempre por outras de igual tamaño, e cando cumpran os requisitos de contar con marcado CE; de ser de carpintería de madeira, PVC ou metálica con rotura de ponte térmica de 12 mm ou de 6 mm. baixo emisivo; e de dispoñer de fiestra, contra ou cortinón en toda a superficie.

Proceso de obtención da axuda

Para optar a unha destas axudas, que se xestionan en colaboración cos instaladores e coas empresas adheridos á campaña, o comprador dirixirase a un instalador adherido ao Plan Renove de Fiestras 2009 e adquirirá a carpintaría obxecto da subvención. A continuación o instalador realizará a solicitude de fondos mediante a aplicación web: www.inega.es/planrenovefiestras2009 , imprimirá o impreso de axuda e o comprador asinará a súa conformidade. O instalador terá 60 días de prazo para realizar a obra, que posteriormente cobrará co desconto da axuda establecida, calculada na aplicación informática. Finalmente o instalador remitirá toda a documentación ao Inega para o cobro da subvención.

Incidencia do Plan

A través desta segunda edición do Plan Renove de Fiestras 2009, coa que se estima que se beneficien ao redor de 400 vivendas, prevese alcanzar un aforro enerxético de 1.190 MWh e un aforro económico de preto de 100.000 euros anuais; o que se traduce na redución de emisión á atmosfera de 469 toneladas de CO2 e nun investimento asociado de 2 millóns de euros.

A incidencia estimada do Plan Renove de Fiestras 2009 na súa totalidade, cífrase nun aforro enerxético de 3.749 MWh; nun aforro económico superior aos 300 mil euros ao ano, nun investimento asociado de 6,5 millóns de euros e en case 1.500 toneladas de CO2 evitadas á atmosfera. Ademais, cando remate a execución do Plan Renove de Fiestras 2009 prevese chegar a máis de 1.300 vivendas beneficiadas.

Estratexia de aforro e eficiencia enerxética

Esta segunda edición do Plan Renove de Fiestras 2009 inscríbese dentro das actividades de aforro e eficiencia enerxética da estratexia en marcha para este ano en curso, que conta cun orzamento total de máis de 22 millóns de euros. Dentro desta estratexia enmárcase, ademais da primeira edición do Plan Renove de Fiestras, o Plan Renove de Electrodomésticos, desenvolto con éxito; o Plan de Vehículos Eficientes, cuxas axudas, dun máximo de 7.000 euros por compra dun vehículo híbrido, se atopan abertas; o Plan Renove de Equipos de Climatización, tamén vixente; ou a posta en marcha dunha experiencia piloto para o desenvolvemento de polígonos industriais enerxeticamente eficientes, entre outras actuacións.