INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA DESTACA O PAPEL DECISIVO DOS CONCELLOS NA LOITA CONTRA O CAMBIO CLIMÁTICO E FAINOS PARTÍCIPES DO PACTO DE ALCALDES E ALCALDESAS

12/05/2010

Santiago, 12 de maio de 2010.

A Consellería de Economía e Industria que dirixe Javier Guerra Fernández desenvolveu hoxe a "I Xuntanza de Traballo sobre o Pacto de Alcaldes e Alcaldesas contra o Cambio Climático" en Galicia, unha iniciativa novidosa coa que o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) trata de apoiar aos concellos, axundándolles a rendibilizar a oportunidade que teñen de aproveitar a captación de fondos europeos como vía de financiamento para a implantación de medidas de aforro e eficiencia enerxética que diminúan as emisións de CO2 a nivel local nos seus respectivos territorios.

O director do Inega, Eliseo Diéguez García, que abriu a xuntanza de traballo salientou que "o obxectivo que pretendemos con esta reunión inicial de activación en Galicia do Pacto de Alcaldes contra o Cambio Climático é facerlle ver ás organizacións participantes, todas elas representativas da Administración Local, o reto que teñen diante de si os concellos, de aproveitamento dos fondos europeos como vía de obtención de orzamento con que poder mellorar a eficiencia enerxética nos seus respectivos municipios, e así conseguir diminuír o nivel de emisións de CO2 a nivel municipal, sen que iso lle supoña un custo engadido ás arcas locais". Así mesmo incidiu na importancia de aproveitar os recursos autóctonos e na implantación de fontes de enerxías renovables, como vía para reducir a dependencia enerxética.

Transmisores da estratexia a nivel local

"Por iso pedímosvos a todos que nos axudedes a transmitir esta estratexia a nivel local, porque precisamos da colaboración dos 315 concellos galegos para levala a cabo, xa que estamos convencidos de que os Gobernos Locais teñen un papel decisivo na mitigación do cambio climático", destacou.

Nesta primeira xuntanza participaron o subdirector xeral de Investigación, Cambio Climático e Información Ambiental, Vicente Pérez Muñuzuri e o xefe de Servizo de Observación e Prospección Ambiental, Dionisio Rodríguez, en representación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e por parte da Fegamp, a alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, e a técnica de Medio Ambiente, Lucía González.

Así mesmo a esta reunión asistiron representantes das catro deputacións galegas: pola de A Coruña, Gonzalo Prego Fernández (xefe de gabinete de Presidencia) e Jesús Castro Lozano (Faepac); pola de Lugo, Julia Vázquez Silvarrey (técnico de proxectos e programas) e Silvia García López (técnica); pola de Ourense, Ignacio Candal (técnico superior) e pola de Pontevedra, o alcalde de Cerdedo, José Balseiros, e María Martínez Abraldes (técnica de Medio Ambiente). Así mesmo esta xornada contou coa participación do coordinador da Área de Medio Ambiente da Deputación de Barcelona, Ferrán Vallespinós, que explicou, a modo de exemplo, a experiencia concreta que o ente ten en marcha neste ámbito.

Este primeiro encontro de traballo sobre esta proposta, que está inspirada na iniciativa europea que leva o mesmo nome, e que nace ao abeiro do "Plan de Acción sobre a eficiencia enerxética" da UE, e que ten como compromiso que os Gobernos Locais reduzan as emisións de CO2 nun 20% antes do ano 2020, terá continuidade noutra serie de reunións, que se celebrarán de xeito periódico co fin de avanzar na posta en práctica de políticas enerxéticas sostibles.