INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA DESTINA 500.000 EUROS Á SEGUNDA EDICIÓN DO PLAN RENOVE DE ELECTRODOMÉSTICOS 2009 E ABRE A SOLICITUDE DE AXUDAS O PRÓXIMO LUNS

21/05/2010

Santiago, 21 de maio de 2010.

O Instituto Enerxético de Galicia, dependente da Consellería de Economía e Industria que dirixe Javier Guerra, vén de inxectar 500.000 euros para a realización dunha segunda edición do Plan Renove de Electrodomésticos 2009. Esta ampliación de fondos é debida á elevada demanda de solicitudes recibidas no marco desta campaña, que fixo que o orzamento inicial de 4 millóns de euros se esgotase en tan só 29 días. Así o explicou o director do Inega, Eliseo Diéguez García, en rolda de prensa, na que anunciou que a solicitude de novas axudas se poderá realizar desde o próximo luns, 24 de maio, e ata o 30 de outubro ou finalización de fondos. Para solicitar calquera información ao respecto, os interesados poden consultar a páxina web do Inega, www.inega.es, ou chamar ao teléfonos 981 54 15 00.

O Plan Renove de Electrodomésticos, que se enmarca dentro da aposta global da Xunta de Galicia polo aforro e a eficiencia enerxética, é unha liña de axudas destinada a reducir o consumo de enerxía eléctrica no sector doméstico, mediante a substitución das distintas tipoloxías de electrodomésticos por outros máis eficientes enerxeticamente (Clase A ou superior).

Ata 125 euros por electrodoméstico eficiente

As axudas, que se xestionan en colaboración cos comercios adheridos, cobren ata un máximo do 25% do prezo do electrodoméstico e cun límite de ata 125 euros por electrodoméstico (no caso da adquisición dun frigorífico-conxelador con Clase A++). Poderán ser beneficiarios delas as persoas físicas ou xurídicas de natureza pública ou privada, sempre que destinen os electrodomésticos eficientes adquiridos ao seu uso particular e residan en Galicia, podendo recibir, como máximo, 1 subvención por cada tipoloxía de electrodoméstico.

Equipos subvencionables

Serán obxecto de incentivo económico a través desta nova actuación de promoción de aforro e da eficiencia enerxética do Inega a substitución de electrodomésticos convencionais por outros equipos eficientes desde o punto de vista enerxético: frigoríficos, frigorífico-conxeladores e conxeladores con clasificación enerxética A, A+ ou A++; lavadoras con clasificación enerxética A e eficacia de lavado A; lavalouzas con clasificación enerxética A e eficacia de lavado A; lavadoras con clasificación enerxética A, eficacia de lavado A e consumo enerxético inferior ou igual a 170 Wh/kg; fornos con clasificación enerxética A e placas de indución e placas de gas.

Proceso de obtención da axuda

Para solicitar unha destas axudas o comprador dirixirase a un comercio adherido ao Plan Renove de Electrodomésticos 2009 e adquirirá un electrodoméstico que cumpra os requisitos mínimos esixidos. A continuación o comerciante cubre o "formulario de solicitude de axuda" mediante a aplicación web www.inega.es/planrenove2009, verificando que se trata dunha persoa residente en Galicia. Posteriormente o comerciante cobra o prezo total do electrodoméstico co desconto da axuda. Por último o comercio adherido entregará e instalará o novo equipo e retirará o substituído para a súa reciclaxe, e enviará ao Inega, mensualmente, a documentación xustificativa pertinente.

Dobre aforro: enerxético e económico

Con esta segunda edición do Plan Renove de Electrodomésticos 2009, o Inega estima que o conxunto das familias galegas beneficiadas, preto de 5.500, acadará un aforro anual global de 3.136 MWh no seu gasto enerxético e un aforro económico superior aos 212 mil euros anuais. Ademais con esta ampliación de fondos xerarase un investimento asociado de 2 millóns de euros e unha redución na emisión á atmosfera de máis de 1.000 toneladas de CO2.

A incidencia total do Plan Renove de Electrodomésticos 2009, isto é, cos 4,5 millóns de orzamento da primera e da segunda edición, calcúlase nun aforro enerxético de 28.221 MWh; nun aforro económico de preto de 2 millóns de euros anuais; nun investimento asociado de 18 millóns de euros e en máis de 10.000 toneladas de CO2 evitadas á atmosfera. Ademais cando remate a execución o Plan Renove de Electrodomésticos 2009 chegará aos 900 establecementos adheridos e a preto de 49.000 familias beneficiadas, que verán, como de media, o consumo de electricidade procedente do consumo de electrodomésticos eficientes -tras a súa substitución por outros convencionais- descende nun 8%, isto é, en 40 euros anuais.

Simulador do aforro en electrodomésticos

A través dunha aplicación informática que o Inega ten dispoñible na súa web, www.inega.es, o usuario pode comparar diversos electrodomésticos segundo a súa eficiencia enerxética. A modo indicativo, por poñer un exemplo, se se substitúe un frigorífico-conxelador de Clase C por outro de Clase A++ obterase, por vivenda unifamiliar, un aforro enerxético de 363 kWh e un aforro económico de 53 euros anuais; que extrapolados ao total de fogares en Galicia sumaría 326 GWh e 43,4 millóns de euros, e 5.149 GWh e preto de 750 millóns de euros, no conxunto de España.

Esta segunda edición do Plan Renove de Electrodomésticos 2009 inscríbese dentro das actividades de aforro e eficiencia enerxética da estratexia en marcha, que conta cun orzamento total de máis de 22 millóns de euros, e na que se enmarcan, por exemplo, o Plan de Vehículos Eficientes ou o Plan Renove de Equipos de Climatización, actualmente vixentes