INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA APOSTA POR UN MODELO ENERXÉTICO RESPECTUOSO CO MEDIO AMBIENTE, O AFORRO E A EFICIENCIA ENERXÉTICA, AS ENERXÍAS RENOVABLES E A DIVERSIFICACIÓN ENERXÉTICA

28/05/2010

Carballo, 28 de maio de 2010.

Construír unha Galicia moderna e competitiva, sustentada nun modelo enerxético limpo e respectuoso co medio ambiente, que teña como eixos vertebradores o aforro e a eficiencia enerxética, o fomento das enerxías renovables e a diversificación enerxética. Esta é a aposta da Consellería de Economía e Industria no eido enerxético que foi exposta esta mañá polo director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Eliseo Diéguez García, na inauguración das “V Xornadas Enerxías Renovables, Aforro Enerxético e Medio Ambiente” que, organizadas pola Asociación de Xóvenes Empresarios de Carballo (Axober), se desenvolverán desde hoxe e ata o próximo domingo.

Eliseo Diéguez, que falou sobre o presente e futuro das enerxías renovables, subliñou que "desde o Inega, e no marco desta aposta global do Goberno galego, estamos, como organismo adscrito á Consellería de Economía e Industria, plenamente volcados co desenvolvemento de políticas enerxéticas sostibles, co aforro e a eficiencia enerxética e coa loita contra o cambio climático". Neste senso Diéguez reafirmou os compromisos autonómicos de chegar ao ano 2015 producindo con fontes renovables máis do 95% do consumo da electricidade da nosa comunidade autonóma e de reducir do 0,99% ao 0,27% a taxa de incremento da demanda da enerxía ata o 2015.

Accións transversais

Con este fin -indicou- poñeremos en marcha accións transversais a todos os sectores económicos para conseguir estender entre a poboación a cultura do aforro e da eficiencia enerxética, tales como a posta en marcha de campañas e outras accións formativas sobre o uso racional da enerxía ou de axudas económicas a proxectos encamiñados tanto ao fomento do aforro e da eficiencia enerxética como ao desenvolvemento de proxectos de enerxías renovables, axudas que en 2009 posibilitaron cun orzamento de preto de 16 millóns de euros, un investimento asociado de máis de 60 millóns de euros e a redución na emisión á atmosfera de preto de 60.000 toneladas de CO2.

Así mesmo o director do Instituto pertencente á Consellería de Economía e Industria fixo fincapé "en que estamos totalmente concienciados co coidado do medio ambiente, e de aí que ademais do impulso das enerxías renovables como fontes limpas que contribuén á diversificación enerxética, apoiemos a loita contra o cambio climático". Ao respecto lembrou a celebración da "I Xuntanza de Alcaldes e Alcaldesas contra o Cambio Climático" que, promovida polo Inega se celebrou o 12 de maio coa participación da Fegamp, da Consellería de Medio Ambiente e das deputacións. O obxectivo destes encontros que se desenvolverán, de xeito periódico, é o de asesorar aos concellos co obxectivo de que se convertan en suxeitos activos na captación de fondos europeos, que lle proporcionen unha vía de financiamento adicional na implantación de medidas de aforro e eficiencia enerxética que contribúan a diminuír o nivel de emisións a nivel local, precisou Diéguez.