INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA E A EGAP PROMOVERÁN DE FORMA CONXUNTA ACTIVIDADES DE CARÁCTER FORMATIVO, DIVULGADOR E INVESTIGADOR

04/10/2010

Santiago, 4 de outubro de 2010.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), ente adscrito á Consellería de Economía e Industria, e a Escola Galega de Administración Pública (Egap), colaborarán no desenvolvemento conxunto de actividades de carácter formativo, divulgador e investigador, en base a un convenio de colaboración asinado hoxe polo director do Inega, Eliseo Diéguez García, e polo director da Egap, Pablo Figueroa Dorrego.

Segundo se establece no acordo, que ten por obxectivo a optimización dos medios humanos e materiais do Inega e da Egap, para un mellor cumprimento dos fins de ambas as dúas as partes, en beneficio da cidadanía e da sociedade galega, o persoal dependente do Instituto adscrito á Consellería que dirixe Javier Guerra poderá participar nas actividades da Egap.

Ademais, estes dous organismos cooperarán na realización conxunta de cursos, xornadas, seminarios e outras actividades de divulgación; na edición conxunta de libros, doutras publicacións e documentos de traballos (adquirindo as dúas institucións o compromiso de remitir un exemplar das súas publicacións periódicas á biblioteca da outra para a súa difusión); na promoción da actividade investigadora de ambas as dúas institucións mediante proxectos de investigación conxuntos e noutras accións que sexan de interese mutuo.

Unha comisión mixta paritaria, integrada por representantes do Inega e da Egap, velará pola concreción, seguimento, interpretación e avaliación das actividades derivadas do presente convenio, que estará vixente ata o 31 de decembro de 2010, prorrogándose de forma expresa por anualidades naturais, agás denuncia de calquera das partes asinantes antes da súa finalización.

A subscrición deste convenio non conleva ningún tipo de relación laboral, contractual ou de calquera outro tipo entre profesionais que realicen as actividades obxecto deste convenio e a Egap.