INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA ACTIVA O PLAN PARA APOIAR A COMPRA E TRANSFORMACIÓN DE VEHÍCULOS EFICIENTES ENERXETICAMENTE CON AXUDAS DE ATA 7.000 EUROS

06/10/2010

Santiago, 6 de outubro de 2010.

O director do Instituto Enerxético de Galicia, Eliseo Diéguez García, presentou hoxe o Plan de Vehículos Eficientes 2010, enmarcado no Plan Integral de apoio ao sector da automoción galega re-Móvete 2010, que suporá a xeración dun investimento asociado no sector de 3,4 millóns de euros, coa concesión de axudas para a compra ou transformación de vehículos eficientes de ata 7.000 euros.

Eliseo Diéguez sinalou que a posta en marcha do novo programa “vén reforzar o plan de apoio ao sector da automoción, co fin de complementar a estratexia de fortalecemento da economía galega, impulsada desde a Xunta de Galicia”.

Diéguez García, explicou as principais liñas deste programa, co que se potencia a eficiencia enerxética no sector do transporte, que representa un consumo de enerxía do 34% en Galicia. Este Plan establece a concesión de axudas económicas, de ata 7.000 euros, para a adquisición de vehículos turismos de propulsión eléctrica, híbrida ou alimentados con gas natural, gases licuados do petróleo ou hidróxeno, que diminúan o custo extra dos vehículos alternativos, en relación con vehículos equivalentes de deseño e motorización tradicional.

O director do Inega resaltou que a través do Plan de Vehículos Eficientes 2010 “tamén se reducirá o impacto ambiental ao incentivarse a compra de vehículos novos menos contaminantes e se promoverá a diversificación enerxética para reducir a dependencia do petróleo”. De xeito que con este programa estímase acadar un aforro de enerxía primaria de 54,41 toneladas de petróleo, ao ano, e unha redución de emisións de CO2 á atmosfera de 176 toneladas.

Coa posta en marcha do Plan de Vehículos Eficientes 2010 realizaranse unhas 245 transaccións, entre as 205 adquisicións de vehículos híbridos novos e as 40 transformacións a GLP previstas, en colaboración cos 30 concesionarios ou talleres, que se estima que participarán nesta nova campaña.

Este programa está orientado a favorecer a compra de vehículos novos de propulsión eléctrica, híbrida, con capacidade de tracción ao 100% mediante baterías, e que teñan unhas emisións inferiores a 120 g de CO2/km, ou de medios de transporte alimentados con gas natural, gases licuados, mediante a concesión de axudas económicas que diminúan os extracusto nestes vehículos alternativos, en relación cos vehículos equivalentes de deseño e motorización tradicional.

Tamén se subvenciona igualmente a adquisición de motocicletas con capacidade de tracción eléctrica ao 100% e transformacións de vehículos, novos ou usados, a GLP. Ademais admítense os sistemas de financiamento de renting, leasing e outros modelos de arrendamento financeiro para estes vehículos eficientes, en cuxo caso a axuda se destinará á empresa propietaria do ben.

Contía da subvención

A contía máxima da subvención será do 15% do prezo do mercado do vehículo, entendendo por este o prezo final de compra do vehículo. Para os vehículos turismos híbridos ou enchufables, eléctricos puros, de combustión directa de hidróxeno ou de pilas de combustible o importe máximo da axuda por vehículo poderá alcanzar os 7.000 euros; 2.300 para os vehículos turismos híbridos Full Hybrid e de 2.000 euros para os vehículos turismos Mild Hybrid.

No caso de vehículos novos ou transformados nun prazo inferior a 3 meses desde a súa primeira matriculación alimentados por gas natural e GLP e que teñan unhas emisións inferiores a 150 g de CO2/km, o importe máximo por vehículo é de 1.200 euros, e para transformacións a GLP, o máximo é de 450 euros. Por último, a compra de motocicletas eléctricas puras, híbridas, de hidróxeno ou pila de combustible incentívase cun importe máximo de 750 euros.

Este programa de potenciación da eficiencia enerxética no sector dos medios de transporte estará vixente desde o día seguinte á súa publicación no DOG ata o 31 de agosto de 2011 ou ata a data de finalización anticipada do Plan por remate dos fondos asignados, sendo tamén este o prazo para adherirse como nova entidade colaboradora, se ben os concesionarios ou talleres interesados en renovar a súa adhesión teñen de prazo un mes desde a data do inicio do Plan. Poderán tomar parte neste Plan todos os concesionarios que operen en Galicia e que comercialicen vehículos eficientes, así como todos os talleres autorizados para realizar transformacións de vehículos a GLP.