INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

A XUNTA DE GALICIA IMPULSA A IMPLANTACIÓN DE NOVAS TECNOLOXÍAS E DE MEDIDAS DE OPTIMIZACIÓN ENERXÉTICA E DE POTENCIACIÓN DO DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE NOS PORTOS GALEGOS

13/10/2010

Santiago, 13 de outubro de 2010.

A Xunta de Galicia impulsará un programa específico de actuacións en materia de I+D+i para fomentar a implantación e utilización nos portos galegos de novas tecnoloxías que posibiliten un desenvolvemento sostible en materia enerxética, así como para optimizar a xestión medioambiental das instalacións portuarias. Este plan poñerase en marcha ao abeiro dun convenio entre a Consellería de Economía e Industria e a Consellería do Mar, en materia de aforro e eficiencia enerxética e de implantación e desenvolvemento de enerxías renovables, que se executará a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) e de Portos de Galicia, entes públicos adscritos aos devanditos departamentos autonómicos.

O director do Inega, Eliseo Diéguez García, e o presidente de Portos de Galicia, José Manuel Álvarez-Campana Gallo, asinaron hoxe este acordo, que se incardina na aposta estratéxica do Goberno galego por un modelo enerxético baseado na potenciación do aforro e da eficiencia e na utilización das enerxías renovables, e que vai permitir desenvolver actuacións de carácter innovador.

Concretamente o obxecto deste convenio de colaboración interdepartamental é a realización dun estudo previo de viabilidade para a implantación de redes de recarga de vehículos eléctricos en diferentes peiraos competencia de Portos de Galicia; a elaboración dunha análise de viabilidade para a implantación de plantas de coxeración-trixeración nos peiraos galegos; o desenvolvemento dunha auditoría enerxética nas iluminacións públicas de tres portos a determinar e, por último, a confección doutro estudo de viabilidade sobre a implantación de instalacións de enerxías renovables en varias instalacións portuarias. Todos estes estudos realizaranse co asesoramento por parte do Inega a Portos de Galicia.

Actuacións en materia de aforro e eficiencia enerxética

A través do estudo de viabilidade para a implantación de redes de recarga de vehículos eléctricos analizarase a lexislación aplicable, as características técnicas máis axeitadas que deben reunir as instalacións portuarias para este fin, a estimación de consumo e a análise de custos, entre outras variables.

O estudo de viabilidade para a implantación de plantas de coxeración-trixeración nos portos levarase adiante mediante a análise práctica dun peirao en concreto, a determinar, mentres que para auditar as iluminacións públicas analizaranse tres portos, recollendo as características das instalacións existentes para, á vista destas, determinar as posibles medidas a adoptar para unha maior eficiencia enerxética e a redución do consumo como, por exemplo, a reordenación dos elementos, a instalación de redutores de fluxo, telexestión, implantación de lámpadas LED, entre outras.

Accións en materia de enerxías renovables

Ademais das devanditas actuacións, mediante as que se potenciarán medidas de aforro e eficiencia nos portos galegos, o Inega prestará asesoramento técnico para a contratación e realización dun estudo de viabilidade de implantación de instalacións de enerxías renovables (eólica, fotovoltaica, mareomotriz, undimotriz, etc.), nos portos, analizando a normativa existente, tecnoloxía actual, viabilidade técnica e económica. O dotación orzamentaria global do convenio ascende a 36.000 euros, dos que o Inega achegará o 23.250 e Portos de Galicia, 12.750 euros.