INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA PRESTARÁ APOIO ÁS EMPRESAS DE SERVIZOS ENERXÉTICOS, NO MARCO DA APOSTA DA XUNTA POLA POTENCIACIÓN DA EFICIENCIA E DAS ENERXÍAS RENOVABLES

21/10/2010

Santiago, 21 de outubro de 2010 .

“A contratación de empresas de servizos enerxéticos por parte da Administración axudará á dinamización do mercado, servirá para ir introducindo a cultura do aforro e da eficiencia enerxética e do aproveitamento das enerxías renovables e contribuirá á creación de novas empresas e, polo tanto, de novas oportunidades de negocio, o que consideramos moi importante, posto que unha das prioridades da Consellería de Economía e Industria, departamento ao que o Instituto Enerxético de Galicia está adscrito, é axudar ao tecido empresarial na actual conxuntura económica”. Así o destacou o director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Eliseo Diéguez, na inauguración do seminario “Plan de Formación de Empresas de Servizos Enerxéticos” que, promovido por Economía e Industria, a través do Inega, se desenvolveu esta mañá na Escola Galega de Administración Pública (Egap).

Eliseo Diéguez destacou “o carácter exemplarizante que as administracións deben ter na aplicación de medidas de aforro e eficiencia enerxética orientadas a optimizar os consumos de enerxía nos edificios públicos, como consecuencia dos compromisos globais na materia, cada vez máis esixentes”.

“Por isto -engadiu- desde o Instituto Enerxético de Galicia imos prestarlle apoio, na medida das nosas posibilidades, ás empresas de servizos enerxéticos, e de aí que no marco do Plan global de Aforro e Eficiencia Enerxética que vai acometer a Xunta de Galicia, e que suporá unha redución de entre o 10 e o 40% do consumo final de enerxía nos edificios administrativos prestarémoslle asistencia técnica, aos distintos organismos que xestionen a aplicación destas medidas de aforro, á hora de contratar empresas de servizos enerxéticos, ademais de incentivar a súa contratación cun 15% do investimento total”.

O director do Inega salientou, ante máis cento cincuenta participantes, a maior parte representantes do tecido empresarial, a importancia de seminarios como o desenvolto hoxe, no que tamén participaron o director de programas da EOI (Escola de Organización Industrial), Miguel Sánchez Galindo; a xefa de Aforro e Eficiencia Enerxética, Paula Uría Traba, e o director do programa da EOI, Francisco García Lorenzo.