INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA COORDINARÁ UN ESTUDO DE OPTIMIZACIÓN ENERXÉTICA EN EXPLOTACIÓNS LÁCTEAS PARA REDUCIR CUSTOS DE FUNCIONAMENTO E INCREMENTAR A PRODUTIVIDADE DO SECTOR

31/10/2010

Santiago, 31 de outubro de 2010.

A Consellería de Economía e Industria, acometerá, desde o Instituto Enerxético de Galicia, un estudo de optimización enerxética en explotacións lácteas co obxectivo de reducir os custos de funcionamento nas devanditas instalacións, para contribuír, deste xeito, ao proceso de mellora da competitividade no sector agroalimentario galego.

O primeiro paso para a realización deste plan de optimización enerxética, que se enmarca dentro da estratexia global da Xunta de Galicia pola potenciación do aforro e da eficiencia, deuse coa sinatura dun convenio de colaboración entre o director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Eliseo Diéguez García, e o presidente da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca), José Luís López Vázquez.

En base ao devandito acordo, que se insire no marco de cooperación que o Inega mantén co IDAE (Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía), realizaranse auditorías enerxéticas en 10 instalacións de produción láctea de Galicia, representativas da actividade, tanto en dimensións como xeograficamente.

Replicabilidade do estudo

O obxectivo que Economía e Industria pretende co desenvolvemento do presente convenio é optimizar o consumo enerxético nas instalacións analizadas, reducindo os custos de funcionamento e mellorando a súa competitividade, conscientes da existencia en Galicia da orde de 12 mil establecementos de vacino orientados á produción de leite nos que é posible incrementar o uso racional de enerxía, co conseguinte aforro, enerxético e económico. Trátase de que os resultados finais do estudo teñan replicabilidade en máis casos, é dicir, que esta práctica de aposta polo aforro e eficiencia enerxética no sector leiteiro se constitúa como un referente a seguir.

O Inega achegará, como máximo, 45.000 euros para a realización das 10 auditorías, o que supón unha axuda a fondo perdido do 75% do custo destas, cunha axuda máxima de 4.500 euros por estudo completo. O convenio tamén establece que o custo máximo por auditoría será de 6.000 euros.

Metodoloxía de traballo

En base ao convenio, Agaca, asociación que agrupa a máis de 100 cooperativas na actualidade e que representa a uns 40.000 membros do sector agroalimentario galego, encargarase de levar a cabo as 10 auditorías enerxéticas, para cuxa realización se realizará un inventario das instalacións; unha entrevista cos propietarios ou xerentes das explotacións; unha análise das distintas posibilidades de optimización enerxética e un informe final.

Na primeira das fases da auditoría, os técnicos de Agaca deberán facer un inventario das instalacións, recompilando, cunha visita á planta obxecto de estudo, información sobre as copias das facturas de consumo eléctrico e de combustibles no último ano; esquema da instalación eléctrica; características da instalación de frío; datos dos tractores e dos seus complementos; características das instalacións de muxidura e doutros equipos consumidores de enerxía; reconto dos puntos de luz e tecnoloxía utilizada; outros equipos de consumo enerxético; descrición do tamaño da instalación, número de empregados, número de cabezas, produción láctea, produción de puríns e a súa xestión; diagrama do proceso, memoria explicativa e reportaxe fotográfica.

Durante a visita á planta realizarase unha entrevista cos propietarios ou xerentes da instalación para saber os plans de futuro da explotación e a problemática de xestión que presenta, información coa que, posteriormente ampliada polo gandeiro, unha empresa auditora experta realizará unha análise do estado dos equipos e estudará as distintas posibilidades de optimización enerxética que se atopen: eficiencia da instalación de frío; eficiencia dos tractores; eficiencia dos campos de muxidura; eficiencia doutros equipos consumidores de enerxía; optimización da facturación eléctrica; alternativas para a xestión dos puríns; eficiencia das instalacións de iluminación e cálculo do ratio de consumo en valor económico, xunto coa posibilidade de desenvolver un proxecto de enerxías renovables (solar térmica, fotovoltaica, biogás, etc.).

Avaliación económica das medidas de aforro propostas

Sobre cada unha das melloras cuxa aplicación resulte de interese, elaborarase unha estimación do investimento necesario para implementalo; o cálculo do aforro enerxético derivado da actuación e o período de retorno simple do investimento que faría falla para obter beneficio con cada unha das medidas de aforro e eficiencia enerxética propostas. Con toda a información recompilada, a empresa auditora realizará un informe, que deberá entregar a Agaca para que remita ao Inega, a efectos de proba e xustificación da axuda.

Coa sinatura do convenio, Inega e Agaca asumen o compromiso de se citar mutuamente, así como ao IDAE, como participantes do proxecto, en toda a documentación e en todos os activos materiais dos proxectos, así como en calquera presentación oral que teña que ver coas medidas do convenio, que estará vixente ata o 15 de setembro de 2011.