INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA APOSTA POR UN MODELO ENERXÉTICO RESPECTUOSO CO MEDIO AMBIENTE, CO AFORRO E A EFICIENCIA, COAS ENERXÍAS RENOVABLES E COA DIVERSIFICACIÓN ENERXÉTICA

03/09/2010

Santiago, 3 de setembro de 2010.

Promover un modelo enerxético limpo e respectuoso co medio ambiente, que teña como eixos vertebradores o aforro e a eficiencia enerxética, o fomento das enerxías renovables e a diversificación enerxética. Estes son os obxectivos estratéxicos da política da Xunta de Galicia no eido enerxético, que foi exposta polo director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega),

Eliseo Diéguez García, na xornada de divulgación sobre o proxecto medioambiental "Axenda 21 Local" que, organizada pola Consellería de Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio, tivo lugar en Lalín esta tarde, e na que participaron ademais, a presidenta de Augas de Galicia, Ethel Vázquez Mourelle, e o alcalde de Lalín, José Crespo Iglesias. Eliseo Diéguez, subliñou que "desde a Consellería de Economía e Industria, a través do Inega, e no marco desta aposta global do Goberno galego, estamos, como organismo adscrito á Consellería de Economía e Industria, plenamente volcados co desenvolvemento de políticas enerxéticas sostibles, co aforro e a eficiencia enerxética e coa loita contra o cambio climático". Neste senso Diéguez reafirmou os compromisos autonómicos de chegar ao ano 2015 producindo con fontes renovables máis do 95% do consumo da electricidade.

"Así, neste exercicio, estamos a levar adiante un programa ambicioso de actuacións de promoción do aforro e eficiencia enerxética, en todos os sectores económicos, cun orzamento superior aos 21 millóns de euros, e cun trato especial para os concellos", indicou. "Coa xestión destas actividades prevese a xeración dun aforro de enerxía de 193 mil MWh anuais, un aforro económico de preto de 16 millóns de euros anuais, a redución na emisión á atmosfera de 78 mil toneladas, o que se traducirá nun investimento asociado de 75 millóns de euros", engadiu.

"Neste programa enmárcanse as axudas de aforro e eficiencia enerxética e de enerxías renovables, cun orzamento de preto de 14 millóns de euros, e cuxo prazo de solicitude está aberto ata o 30 de setembro, cunha contía subvencionable de ata o 75% para os concellos nalgunhas tipoloxías de subvencións", precisou.

"Estamos a falar dun importante esforzo inversor, xa que coas actuacións en marcha para este exercicio, en materia de aforro e eficiencia enerxética e de enerxías renovables, ás que destinaremos preto de 26 millóns de euros, imos dinamizar un investimento asociado superior aos 100 millóns, ademais de propiciar á redución na emisión á atmosfera de 92 mil toneladas de CO2", incidiu.

Diéguez rematou facendo un chamamento ao conxunto da cidadanía posto que "a tarefa do coidado do medio ambiente, do aforro e da eficiencia enerxética e da redución de emisións é traballo de todos, xa que moitos poucos fan un moito e a enerxía máis barata e menos contaminante é a que non se consome".