INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

HOXE PÚXOSE EN FUNCIONAMENTO O PROGRAMA BICIDADÁNS NO CONCELLO DE LALÍN, FINANCIADO POR ECONOMÍA E INDUSTRIA CUNHA ACHEGA DUN MÁXIMO DE 140.000 EUROS

07/09/2010

Santiago, 7 de setembro de 2010.

O programa Bicidadáns, de promoción de transporte urbano en bicicleta, do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), adscrito á Consellería de Economía e Industria, está desde hoxe operativo no Concello de Lalín. O director do Inega, Eliseo Diéguez García, e o alcalde de Lalín, José Crespo Iglesias, acompañados polo concelleiro de Deportes lalinense, Nicolás Varela García, levaron a cabo o acto de inauguración oficial deste servizo de préstamo de bicicletas de uso público, iniciativa para que o Inega achegará ata un máximo de 140.000 euros.

O obxectivo último de Economía e Industria con esta iniciativa, Bicidadáns, é promover a eficiencia no sector transporte, un dos principais ámbitos consumidores da enerxía; aliviar o exceso de conxestión e reducir o problema medioambiental dos usos fósiles do transporte.

Actualmente este sistema de préstamo de bicicletas, impulsado e financiado pola Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia, xa funciona nun total de 15 concellos, o que supón que máis de 850.000 galegos, é dicir, o 30% da poboación, se poden beneficiar deste servizo público, no que xa máis de 21.000 usuarios foron dados de alta nas diferentes modalidades de abonos, dos que están activos máis de 12.000. Para este exercicio este programa poñerase en marcha en tres cidades ou áreas metropolitanas cun orzamento total de 420.000 euros.

Ademais, a día de hoxe están en servizo 61 bases dispensadoras de bicicletas subvencionadas polo Inega, que suman máis de 800 anclaxes e dan servizo a unha frota de máis de 1.300 bicicletas.

O Instituto Enerxético de Galicia leva realizado desde a posta en marcha deste programa un investimento total de 2.520.000 euros na promoción da utilización da bicicleta, o que supón un aforro de máis de 1,5 millóns de litros de gasóleo/ano (1.384 toneladas equivalentes de petróleo anuais), así como unha redución na emisión a atmosfera de 4.707 toneladas de CO2 ao ano.

Vantaxes

Con esta iniciativa, o Instituto adscrito a Economía e Industria pretende ir creando unha cultura a favor da utilización deste medio de transporte, polas numerosas vantaxes que presenta, sobre todo nos ámbitos urbanos e interurbanos. Este medio de transporte é o máis rápido e eficiente nos traxectos de menos de 3 quilómetros e case 10 veces máis barato que o automóbil. A súa facilidade de utilización (máis do 90% da poboación sabe andar en bicicleta); o seu carácter silencioso e non contaminante e a reducida ocupación de espazo son outras das potencialidades engadidas que presenta.