INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

UN ALFONCENSE, UNHA GONDOMAÑERA E UN ARESÁN, GAÑADORES DOS PREMIOS RENOVABLES SOTAVENTO 2010, NAS CATEGORÍAS DE OBRADOIROS, MAQUETAS E EXPERIENCIAS E DE FOTOGRAFÍA

16/09/2010

Santiago, 16 de setembro de 2010.

Miguel García Irimia, de Alfoz; Rebeca Tizón Rey, de Gondomar e Víctor Schäfer Freire, de Ares, gañadores do VIII Certame de Premios Renovables Sotavento 2010, nas modalidades de maquetas, obradoiros e experiencias e de fotografías, recibiron hoxe da man do director do Instituto Enerxético de Galicia, presidente do Parque Eólico Experimental Sotavento e á súa vez presidente do xurado, Eliseo Diéguez García, os correspondentes galardóns aos que a Fundación Sotavento Galicia destinou nesta edición un total de 3.000 euros.

Concretamente no alfocense recaeu o primeiro premio correspondente á categoría de maquetas, obradoiros e certames, pola maqueta dunha casa realizada con criterios de construción bioclimática, temática que se tivo este ano especialmente en conta dada a recente inauguración da vivenda bioclimática demostrativa de Sotavento, prototipo de edificación intelixente e eficiente no conxunto de España, nun acto presidido polo presidente da Xunta, no que estivo acompañado polo conselleiro de Economía e Industria e polo director do Inega, entre outras autoridades.

Rebeca Tizón resultou gañadora do primeiro premio de fotografía por unha instantánea na que se ven reflectidos nas gafas dunha rapaza imaxes de varios aeroxeradores. Esta gondomañera é a participante máis nova en recibir un galardón nesta categoría, na que a presentación de traballos, ao igual que sucede na modalidade anterior de maquetas, está aberta a calquera persoa. O segundo premio foi para Víctor Ares Schäfer por una fotografía que recolle unha visión nocturna do Parque Eólico Experimental Sotavento.

Os premios da terceira das categorías do Certame, debuxos e pintura, xa se entregaron a final de curso nas propias aulas educativas, dadas as características e idades dos rapaces que participan nesta modalidade (alumnos de 1º, 2º e 3ª ciclo de Educación Primaria). Este ano os premios foron para María Rey Hermida, do CEIP Terra Chá, Román- Vilalba; Noel Quelle Martínez, do CEIP Pedro Caselles Rollán, de Xove, e para Silvia Fuentes Rivera, do Colexio Santiago Apóstol de Narón.

Eliseo Diéguez explicou que o obxectivo prioritario destes Premios "é incentivar calquera tipo de iniciativa vinculada co mundo das enerxías renovables en xeral e coa idea deste Parque Eólico Experimental, no marco da aposta estratéxica da Xunta de Galicia de potenciación das fontes renovables e do aforro e da eficiencia como piares básicos do modelo enerxético galego".

Carácter divulgativo-educativo dos traballos

Así mesmo o director do Inega e presidente do Parque destacou a boa acollida destes Premios e no carácter divulgativo-educativo do Certame, posto que todos os materiais presentados ao concurso conforman unha exposición que se realiza anualmente nas instalacións de Sotavento e que ten gran aceptación. Ao longo das oito edicións Sotavento leva recibidos 7.000 debuxos e pinturas, 2.000 fotografías e máis dun cento de experiencias e obradoiros.

Diéguez avanzou que as bases do Certame de Premios Renovables 2011 serán expostas na web do Parque Eólico Experimental Sotavento (www.sotaventogalicia.com) a comezos do mes de outubro e que o prazo para presentar candidaturas estará aberto ata o 20 de maio de 2011. Do mesmo xeito, resaltou a alta calidade dos traballos presentados e animou á participación na vindeira edición dos Premios Sotavento.