INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA FINANCIA CUNHA ACHEGA DUN MÁXIMO DE 140.000 EUROS A POSTA EN SERVIZO DUN PROGRAMA DE PROMOCIÓN DO TRANSPORTE EN BICICLETA NOS CONCELLOS DA RÚA E DO BARCO

22/09/2010

Santiago, 22 de setembro de 2010.

O programa Bicidadáns, de promoción de transporte urbano en bicicleta, do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), adscrito á Consellería de Economía e Industria, está desde hoxe funcionando nos concellos da Rúa e do Barco, que optaron a este servizo de forma conxunta. O Inega que financiará cunha achega máxima de 140.000 euros a posta en marcha do sistema, estivo presente hoxe, da man do seu director, Eliseo Diéguez García, en sendas inauguracións oficiais deste servizo, que tiveron lugar esta mañá en cada un dos municipios ourensáns.

O obxectivo último de Economía e Industria con esta iniciativa é promover a eficiencia no sector transporte, un dos principais ámbitos consumidores da enerxía; aliviar o exceso de conxestión e reducir o problema medioambiental dos usos fósiles do transporte.

Actualmente este sistema de préstamo de bicicletas, impulsado e financiado polo Inega, xa funciona nun total de 15 concellos, o que supón que máis de 850.000 galegos, é dicir, o 30% da poboación, se poden beneficiar deste servizo público, no que xa máis de 21.000 usuarios foron dados de alta nas diferentes modalidades de abonos, dos que están activos máis de 12.000. Para este exercicio este programa poñerase en marcha en tres cidades ou áreas metropolitanas cun orzamento total de 420.000 euros.

Ademais, a día de hoxe están en servizo 67 bases dispensadoras de bicicletas subvencionadas polo Inega, que suman máis de 850 anclaxes e dan servizo a unha frota de máis de 1.500 bicicletas.

Desde o seu arranque o Inega leva realizado un investimento total de 2.520.000 euros na promoción da utilización da bicicleta, o que supón un aforro de máis de 1,9 millóns de litros de gasóleo/ano (1.630 toneladas equivalentes de petróleo anuais), así como unha redución na emisión a atmosfera de 5.544 toneladas de CO2 ao ano.

Vantaxes

Con esta iniciativa, o Instituto adscrito a Economía e Industria pretende ir creando unha cultura a favor da utilización deste medio de transporte, polas numerosas vantaxes que presenta, sobre todo nos ámbitos urbanos e interurbanos. Este medio de transporte é o máis rápido e eficiente nos traxectos de menos de 3 quilómetros e case 10 veces máis barato que o automóbil. A súa facilidade de utilización (máis do 90% da poboación sabe andar en bicicleta); o seu carácter silencioso e non contaminante e a reducida ocupación de espazo son outras das potencialidades engadidas que presenta.