INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA IMPULSA O AFORRO DAS PEMES GALEGAS CUN NOVO SERVIZO DE "DIAGNOSE ENERXÉTICA ON-LINE"

20/07/2011

- O conselleiro, Javier Guerra, presenta a ferramenta dispoñible dende hoxe na web do Inega

- A aplicación ten dous niveis, un básico e outro especializado, para adaptarse ás necesidades e aos coñecementos específicos do usuario, e poder ofrecerlle solucións concretas

- Esta ferramenta tamén é unha nova fonte de datos estatísticos, axeitados para analizar a implantación das medidas de aforro e eficiencia e do uso das renovables, nos sectores económicos estratéxicos de Galicia

- O titular de Economía e Industria salienta que “aforro e eficiencia son fundamentais para as pemes que queren mellorar a súa competitividade, a calidade dos seus produtos e servizos e aumentar a identificación dos clientes cos valores dunha empresa que coida da súa contorna”

 Diagnose-OnLine

Santiago, 20 de xullo de 2011.- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra presentou hoxe a novo servizo de Diagnose Enerxética On-line para Pemes, ao que xa se pode acceder dende hoxe na páxina web do Inega (www.inega.es). Esta ferramenta permite facer diagnoses enerxéticas on-line adaptadas ás particularidades de cada empresa, contribuíndo deste xeito á identificación de medidas concretas de eficiencia enerxética.

O titular de Economía e Industria salientou hoxe que “aforro e eficiencia son fundamentais para as pemes que queren mellorar a súa competitividade e rebaixar custos que non engaden valor engadido, así como mellorar a calidade dos seus produtos e servizos e aumentar a identificación dos clientes cos valores dunha empresa que coida da súa contorna”.

Guerra explicou que a aplicación ten como principal obxectivo facilitar ás pemes galegas a posibilidade de facer unha diagnose dos consumos enerxéticos asociados ao seu proceso produtivo, ao tempo que se lles ofrecen recomendacións destinadas a mellorar a eficiencia enerxética. Asemade, a ferramenta constitúe tamén unha nova fonte de datos estatísticos, axeitados para analizar a implantación das medias de aforro e eficiencia e do uso das renovables, nos sectores económicos estratéxicos de Galicia.

A aplicación ten dous niveis, un básico e outro especializado, e contén doce bloques temáticos, seleccionados segundo as principais necesidades manifestadas polas pemes, que neste caso concrétanse en: facturación enerxética, consumo térmico, iluminación, instalacións eléctricas, aire acondicionado, frío industrial, climatización e auga, transporte, enerxías renovables e alta eficiencia, mantemento, etiquetaxe enerxética e formación. Deste xeito, o novo servizo de auditoría on-line adaptarase ás necesidades e aos coñecementos específicos do usuario, e pode ofrecerlle solucións concretas.

O primeiro nivel é máis sinxelo. Consiste nunha serie de preguntas de rápida e doada contestación, e en función das respostas emítese un informe de recomendacións sobre aforro e eficiencia enerxética estruturado en doce bloques temáticos. Entre os contidos desenvoltos no informe do nivel 1, encóntrase información sobre as tarifas eléctricas aplicables á empresa e ás diferentes discriminacións horarias, recomendacións relacionadas co correcto mantemento das instalacións térmicas, niveis de iluminación recomendados en función das tarefas a realizar, comparación da eficiencia das diferentes tecnoloxías de iluminación, así como información sobre subvencións a proxectos de aforro e eficiencia enerxética, obrigas normativas en relación á inspección e verificación de instalacións eléctricas.

En canto ao segundo nivel, en base ás respostas ofrecidas no cuestionario de nivel 1, deberase de realizar un segundo cuestionario máis especializado. O resultado de dito cuestionario é un informe adaptado á situación particular da empresa, que poderá incluír un balance enerxético detallado con estimacións do reparto do consumo eléctrico por proceso. O informe obtido, neste caso, é moi especializado e axustarase ás circunstancias particulares de cada empresa coa finalidade de servir de ferramenta de toma de decisións óptimas ao consumo enerxético da empresa.

Neste sentido, Guerra salientou que a aplicación “Diagnose Enerxética Online”, na que tamén ten colaborado o Instituto Tecnolóxico de Galicia, preséntase como “unha ferramenta innovadora é especializada para dar asesoramento ás pemes, sendo a súa principal vantaxe a capacidade de adaptación a todo tipo de pemes e perfís de usuarios, dende un nivel básico a un perfil altamente cualificado”. “Esta iniciativa é o primeiro paso dun proceso continuado de xestión que permitirá as Pemes racionalizar os custes enerxéticos e mellorar a súa competitividade” concluíu.