INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA MANTÉN ABERTO A TRÁVES DO INEGA O PRAZO DE PRESENTACIÓN DE TRABALLOS AOS PREMIOS ENERAGEN 2011 DE ENERXÍAS RENOVABLES E EFICIENCIA ENERXÉTICA

11/06/2011

- O obxectivo destes galardóns, que cada edición convoca a Asociación de Agencias Españolas de la Gestión de la Energía (EnerAgen), é fortalecer o papel das axencias da enerxía en todo o territorio nacional, potenciando así a promoción do uso racional dos recursos, a eficiencia e a diversificación de fontes

- O prazo de presentación de candidaturas finaliza o próximo 30 de xuño

- A entrega de premios está previsto que teña lugar en Santiago de Compostela, no mes de setembro, nun acto que estará coordinado polo Instituto Enerxético de Galicia, como socio que exerce a vicepresidencia primeira de EnerAgen


LogoEnerAgenSantiago, 11 de xuño de 2011.- O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), adscrito a Economía e Industria, como socio que exerce a vicepresidencia primeira da Asociación de Agencias Españolas de Gestión de la Energía (EnerAgen) ten aberto ata o próximo 30 de xuño o prazo de presentación de candidaturas aos Premios EnerAgen 2011 de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética.

Hai que subliñar que EnerAgen, Asociación integrada por Axencias da Xestión da Enerxía de ámbito municipal, supramunicipal, autonómico ou estatal, que ten como fin principal promover e fortalecer o papel das axencias da enerxía no territorio nacional a calquera nivel, convoca anualmente estes galardóns, que van xa pola terceira edición. Deste xeito EnerAgen contribúe á promoción do uso racional da enerxía, á eficiencia enerxética e á diversificación de fontes de enerxía, fundamentalmente das renovables.

O obxectivo dos Premios EnerAgen é o de fomentar a utilización das enerxías renovables, así como o uso racional da enerxía e da eficiencia enerxética en todo o territorio nacional. As categorías correspondentes aos Premios desta terceira edición son os seguintes:

1.    Mellor actuación en materia de Enerxías Renovables.
2.    Mellor actuación en materia de Aforro e Eficiencia Enerxética.
3.    Mellor actuación en materia de sensibilización e difusión das Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética.
4.    Mellor traxectoria en materia de Enerxías Renovables, Aforro e Eficiencia e/ou promoción e difusión.

O Inega, como socio de EnerAgen, seleccionará un único candidato por cada unha das catro categorías, que presentará aos Premios EnerAgen 2011. Ademais, nesta terceira edición corresponderalle ao Inega a organización e coordinación do acto de entrega dos galardóns.

Remisión de candidaturas
A solicitude e a documentación que acompañe a cada candidatura deberá dirixirse ao Inega preferiblemente vía correo electrónico (ref. Premios EnerAgen) dirixido a
inega.premioseneragen@xunta.es, ou ben por correo postal (ref. Premios EnerAgen) á dirección do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), na dirección rúa Avelino Pousa Antelo 5, Santiago de Compostela.

Beneficiarios
Poderán ser candidatos aos Premios calquera persoa, física ou xurídica, pública ou privada, entidade, empresa, asociación, organización ou centro de ensinanza que destacasen a nivel nacional, autonómico ou local polo seu traballo na realización de proxectos ou actuacións de Enerxías Renovables e/ou Eficiencia Enerxética. Quedan excluídas da condición de candidatas e, por tanto, de beneficiarias, as Axencias de Xestión da Enerxía que formen parte de EnerAgen.

Contía dos Premios
Os premios estarán dotados economicamente coa cantidade de 2.000 euros para o gañador de cada unha das catro categorías. As Mencións de Honor, se as houbese, recibirán un diploma acreditativo pero non estarán dotadas economicamente. A concesión dos Premios realizarase mediante un procedemento de concorrencia competitiva, no que quedará garantido o respecto aos principios de publicidade, igualdade, transparencia e non discriminación.

Criterios de valoración
A avaliación de candidaturas de cada Premio levarase a cabo por un xurado designado para esta convocatoria, á proposta da Xunta Directiva de EnerAgen. En dita avaliación valorarase a orixinalidade da actuación, o seu carácter innovador, a súa potencialidade para estender a outros ámbitos territoriais, a súa posible aplicación comercial, a repercusión obtida no seu ámbito xeográfico e todas aquelas características que contribúan a lograr un efecto multiplicador no fomento e utilización das Enerxías Renovables e/ou a Eficiencia Enerxética.

O xurado estará formado por un máximo de cinco representantes de recoñecido prestixio dos sectores da política, da tecnoloxía, do ámbito universitario, periodístico e empresarial. O seu fallo será inapelable e farase público no prazo máximo de dous meses desde a finalización de candidaturas.

Así mesmo o xurado elevará o seu fallo á Xunta Directiva de EnerAgen, que o notificará aos candidatos premiados e ás súas axencias propoñentes, publicando na súa páxina web os nomes dos gañadores. A entrega dos premios levarase a cabo nun acto público convocado ao efecto por EnerAgen, que este ano estará coordinado por Inega e que está previsto se desenvolva en Santiago de Compostela o vindeiro mes de setembro.

Os interesados en participar nestes Premios poderán atopar máis información da convocatoria dos Premios EnerAgen 2011 na páxina web do Inega, www.inega.es.