INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA ABRE A INSCRICIÓN PARA O CURSO “XESTOR PARA A EFICIENCIA”, QUE SE INICIARÁ O PRÓXIMO 1 DE AGOSTO, NO MARCO DO PROGRAMA GE2C´S DIRIXIDO POLO INEGA

16/06/2011

- O seminario disponse nun formato composto por 30 horas presenciais e outras 90 horas on line e está dirixido a formar técnicos en materia de eficiencia enerxética

GE2CSantiago, 16 de xuño de 2011.- O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), adscrito a Economía e Industria, organiza un curso sobre xestor para a eficiencia no marco do proxecto europeo, do que é xefe de fila, “GE2C´s: Eficiencia, coxeración e xestión enerxética no sector servizos”, que dará comezo o próximo 1 de agosto.

O prazo de inscrición nesta actividade formativa está xa aberto e as solicitudes poderán realizarse ata o 31 de xullo. Poderán cursarse a través da páxina web do Inega e/ou tamén a través da do proxecto GE2C´s, iniciativa que ten por obxectivo global promover a eficiencia enerxética das instalacións de coxeración no sector terciario de Ourense, Pontevedra e Norte de Portugal.

O curso combina a modalidade presencial de ensino, composta por 30 horas presenciais e outras 90 horas on line, con documentación proporcionada a través da plataforma dixital do curso. Está dirixido preferentemente a formar a técnicos, españois e portugueses, en materia de eficiencia enerxética e estrutúrase en 12 bloques, con tests de avaliación final cada un deles.

As horas presenciais desenvolveranse en catro xornadas, unha por semana, nos meses de setembro e outubro, dúas terán lugar en Ourense e outras dúas en Vigo. Ademais durante estas catro sesións disporase dunha sala dotada de sistema de videoconferencia en Viana do Castelo, orientada ao seguimento do curso polos alumnos portugueses que así o desexen.

O obxectivo fundamental deste curso “Xestor para a eficiencia” é impulsar a formación de profesionais en materia de eficiencia enerxética, de xeito que se favoreza o acceso a postos de traballo neste ámbito, mediante a posta a disposición das empresas dos recursos humanos con cualificación neste sector.

O seminario diríxese fundamentalmente a titulados e/ou profesionais do sector, aínda que tamén a estudantes de grao medio ou superior no treito final de carreira ou a profesionais doutros sectores que, pola súa especial situación de inactividade, busquen alternativas de emprego.

Convócanse 100 prazas, que poderán ser ampliables en función da afluencia de solicitudes. Os criterios de admisión serán, por esta orde, a procedencia xeográfica, a data de solicitude e o perfil académico e/ou profesional.

En canto ao ámbito xeográfico darase prioridade aos solicitantes procedentes de zonas pertencentes ao ámbito básico de aplicación do proxecto GE2C´s, isto é, Ourense, Pontevedra e zona Minho-Lima, en Portugal. E, en segundo lugar, ao alumnado procedente de zonas adxacentes: A Coruña, Lugo e Grande Porto en Portugal. Xa nun terceiro nivel considerarase a procedencia de todo o territorio español e portugués.

O 1 de agosto terá lugar o inicio do curso on line e a partir desa data poñeranse á disposición dos alumnos, de forma paulatina, os contidos da plataforma dixital.

As xornadas presenciais en Vigo terán lugar o 20 e o 27 de setembro, mentres que as de Ourense, o 4 e o 11 de outubro. O exame presencial de contidos celebrarase en Vigo o 20 de decembro. Para poder presentarse á proba deberase ter completado os tests finais de cada bloque antes do 18 de decembro e ter asistido a un mínimo do 50% das clases presenciais.

O alumnado que supere o exame presencial e que cumpra os requisitos de asistencia obrigatoria recibirá un diploma de aproveitamento emitido polo Inega.

Antecedentes

O proxecto GE2C´s comezou a súa andadura a finais do pasado mes de abril cunha xuntanza que tivo lugar na sede do Inega e na que participaron o conxunto de socios (Instituto Tecnolóxico de Galicia; Fundación CEO, CEP, Inegi, Instituto Politécnico de Viana do Castelo e a Asociación de Empresarios de Viana do Castelo) deste proxecto que se desenvolverá ata finais de 2012 e que conta cun orzamento de 1,06 millóns de euros, do que o Instituto que dirixe Javier Guerra xestiona 303.930 euros.

Mediante este proxecto GE2C´s, enmarcado no Programa Operativo de Cooperación Transfronteriza España-Norte de Portugal (POPTEC) e financiado con fondos FEDER, trátase de potenciar a coxeración nas provincias de Ourense e Pontevedra e no Norte de Portugal como un dos sistemas de transformación enerxética máis eficientes ao permitir obter aforros de enerxía primaria superiores ao 30% respecto á xeración convencional.

 logos_GE2C