INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

JAVIER GUERRA PRESENTA A GUÍA PRÁCTICA DE AFORRO DA ENERXÍA COMO A MELLOR FERRAMENTA PARA AVANZAR NO CAMIÑO DA EFICIENCIA

28/06/2011

- O conselleiro de Economía e Industria salienta que o documento coincide cun dos obxectivos fundamentais da Xunta, como é o aforro e a eficiencia enerxética da man da potenciación das enerxías renovables.

- Os 15.000 exemplares iniciais da guía, tamén dispoñible na páxina web do Inega, repartiranse por toda Galicia para achegar aos cidadáns información para racionalizar o uso dos recursos enerxéticos, diminuír a dependencia enerxética e poder minorar o impacto medioambiental e acadar un desenvolvemento sostible.

- A Consellería de Economía e Industria fai realidade a estratexia de cara ao aforro e a eficiencia enerxética cun investimento de case 43 millóns de euros no que vai de lexislatura en diferentes programas.

guia_aforro_presentaSantiago, 28 de xuño de 2011.- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, acompañado polo director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Eliseo Diéguez, presentou hoxe a Guía práctica de aforro da enerxía que vén de editar este departamento como a mellor ferramenta para avanzar “nun dos obxectivos fundamentais da Xunta de Galicia, como é o da eficiencia e o aforro enerxético da man da potenciación das enerxías máis limpas”.

Javier Guerra explicou que a publicación reflicte o traballo da Consellería de Economía e Industria “para potenciar o uso das enerxías renovables en todos os sectores económicos e fomentar as condutas máis eficientes dende o punto de vista enerxético entre todos os consumidores galegos con consellos e pautas sinxelas para lograr ser eficientes”.

O conselleiro salientou que os 15.000 exemplares iniciais da guía, tamén dispoñible na páxina web do Inega, repartiranse por toda Galicia entre diferentes organismos e institucións, concellos, e Oficinas Municipais de Información ao Consumidor (OMIC´s), entre outros, para que “os cidadáns dispoñan de información para racionalizar o uso dos recursos enerxéticos, diminuír a dependencia enerxética e poder minorar o impacto medioambiental e acadar un desenvolvemento sostible”.

Javier Guerra apuntou que a Consellería de Economía e Industria acada con esta guía unha interesante proposta de alternativas aos cidadáns a favor da eficiencia enerxética, pero a Xunta tamén fai realidade a estratexia de cara ao aforro e a eficiencia enerxética cun investimento de case 43 millóns de euros no que vai de lexislatura en diferentes programas.

A publicación da Consellería de Economía e Industria abrangue un capítulo dedicado exclusivamente ás distintas tipoloxías de enerxías renovables; ás principais liñas de axudas a proxectos de aforro e eficiencia enerxética (Plan Renove de Equipos de Iluminación Interior, Plan Renove de Equipos de Climatización, Plan Renove de Fiestras, Plan Renove de Electrodomésticos ou Plan de Vehículos Eficientes, entre outras) e un dicionario cos principais vocábulos do sector enerxético.

Así mesmo, incide no eido do consumo doméstico, no transporte e na xestión enerxética das comunidades de propietarios, posto que é nos fogares xunto co transporte onde máis se incrementou o consumo nos últimos anos, de aí a necesidade de introducir hábitos tendentes a reducir de xeito eficiente e limpo o uso dos recursos.

A guía inclúe tamén precisións sobre a etiquetaxe enerxética para ter en conta á hora de mercar un electrodoméstico ou un vehículo, e avoga por facer dos fogares dos galegos vivendas eficientes coa mellora da iluminación e a optimización enerxética.