INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

AS AXUDAS DO PLAN RENOVE DE EQUIPOS DE CLIMATIZACIÓN DE ECONOMÍA E INDUSTRIA, DE ATA O 25% DO CUSTO TOTAL DA OBRA, PÓDENSE SOLICITAR ATA O 30 DE XUÑO

05/06/2011

- Esta campaña do Inega leva máis de 1.100 solicitudes de axuda e aínda quedan dispoñibles uns 270 mil euros do 1 millón de euros de orzamento total

- Está previsto que ao abeiro deste programa, que se incardina na estratexia de potenciación da eficiencia enerxética da Xunta, se continúe apoiando o aforro nos fogares galegos cunha previsión de cambio de equipos de climatización en máis de 1.000 vivendas e edificios do sector terciario

- O investimento total asociado a esta medida suporá 3,5 millóns de euros, un aforro de enerxía primaria de 212,4 toneladas equivalentes de petróleo e a redución de emisións á atmosfera de 776 toneladas de CO2

clima2010Santiago, 5 de xuño de 2011.- Ata o próximo 30 de xuño estarán abertas as axudas do Plan Renove de Equipos de Climatización do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), adscrito a Economía e Industria. As persoas interesadas en solicitar unha subvención ao abeiro deste programa, de ata o 25% do prezo do equipo e da súa montaxe, deberán dirixirse a unha entidade colaboradora adherida ao Plan, que vai ser a encargada de vender, de instalar o equipo e de solicitar a axuda.

Mediante este Plan subvenciónase o cambio de caldeiras, equipos de climatización ou bombas de calor convencionais pola compra doutros equipos de alta eficiencia enerxética. A listaxe de entidades colaboradoras, 333 ata este momento, pódese consultar na páxina web do Inega, www.inega.es. O prazo de adhesión remata a final da campaña, o 30 de xuño.

Para poderen ser beneficiarios, os solicitantes terán que acreditar que son persoas físicas ou xurídicas, de dereito público ou privado, propietarias de vivendas ou edificios do sector terciario que teñan a súa sede en Galicia.
 
O Plan Renove de Equipos de Climatización leva rexistradas a día de hoxe 1.138 solicitudes de axuda despois de que se abrise o prazo para pedilas o pasado 3 de febreiro. Isto supón que actualmente o Plan aínda ten dispoñibles 272 mil euros do 1 millón de euros de orzamento total.

Con esta campaña do Inega, incardinada na aposta global da Xunta polo aforro e a eficiencia enerxética, incentívase a redución do consumo das instalacións térmicas de calefacción, climatización e produción de auga quente sanitaria, a través da substitución de equipos convencionais por outros de alta eficiencia enerxética, con potencia nominal térmica maior ou igual a 5 kW e menor ou igual a 70  kW.

Alcance
Mediante esta actuación Economía e Industria pretende seguir apoiando o aforro enerxético nos fogares galegos cunha previsión de cambio de equipos de climatización en máis de 1.000 vivendas e edificios do sector terciario.

Ademais mediante este Plan Renove posibilitarase ademais un investimento asociado de 3,5 millóns de euros, un aforro de enerxía primaria de 212,4 toneladas equivalentes de petróleo, o que supón evitar a emisión de 776 toneladas de CO2 á atmosfera.

As subvención é dun máximo do 25% do custo do equipo e da súa instalación e poderá alcanzar os 1.320 euros no caso das caldeiras de condensación e os 3.840 euros no caso da substitución de equipos de aire acondicionado e bombas de calor.

O Plan Renove de Equipos de Climatización enmárcase dentro da estratexia de aforro e eficiencia en curso do Inega que se materializa en máis de vinte liñas distintas de axuda, coas que se estima a xeración dun aforro enerxético superior a 193 MWh anuais, un aforro económico de preto de 16 millóns de euros anuais e unha redución na emisión á atmosfera de máis de 78 mil toneladas de CO2, así como un investimento asociado de algo máis de 75 millóns de euros.