INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

AS AXENCIAS ESPAÑOLAS DE XESTIÓN DA ENERXÍA DESTACAN DÚAS INICIATIVAS GALEGAS NOS SEUS PREMIOS ANUAIS

10/11/2011

- A Consellería de Economía e Industria organiza esta edición dos galardóns EnerAgen.

- A Fundación Sotavento, impulsada pola Xunta, resultou gañadora na categoría de mellor actuación de Aforro e Eficiencia por un proxecto de vivenda bioclimática.

- Un proxecto de Carballo Biometanización foi considerado a mellor actuación en materia de Enerxías Renovables.

premios_Eneragen_11nov2011Santiago, 10 de novembro de 2011.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), presidiu este ano a terceira edición dos premios EnerAgen, que se entregaron esta tarde en Santiago, co obxectivo de resaltar actuacións relacionadas co aforro e a eficiencia enerxética e de fomento das fontes renovables efectuadas no 2010.

Neste sentido, a Asociación de Axencias Españolas de Xestión da Enerxía (EnerAgen) distinguiu este ano catro apartados, premiándose en dous deles proxectos galegos. Así, no apartado de Mellor actuación en materia de Aforro e Eficiencia Enerxética, galardoouse á Fundación Sotavento Galicia, promovida pola Xunta de Galicia, polo proxecto “Vivenda Bioclimática”.

Esta iniciativa ensina as posibilidades que a correcta construción dunha vivenda e as súas instalacións enerxéticas poden ofrecer para conseguir modelos de desenvolvemento sustentable, aforrar enerxía e mellorar a calidade de vida. Deste xeito, preténdese demostrar que a edificación de alta eficiencia enerxética pode ter un custo asumible, viable e perfectamente aplicable a nivel comercial.

O percorrido pola vivenda achega os conceptos de bioclimática e bioconstrucción nunha vivenda, así como datos técnicos e de rendementos reais de instalacións renovables e eficientes (solar térmica, caldeira de biomasa, bomba de calor xeotérmica, mini aeroxerador e instalación solar fotovoltaica). Tamén se analizan sistemas eléctricos de consumo eficiente (iluminación, electrodomésticos...) así como a correcta xestión da auga.

Pola súa banda, a galega Carballo Biometanización S.L. recibiu o galardón na categoría de Mellor actuación en materia de Enerxías Renovables polo proxecto “Produción de enerxía en Réxime Especial e valorización de residuos do sector industrial”.

Este proxecto consistiu en crear unha planta de biogás que tratase lodo de EDARs de industrias, obtido da degradación anaerobia de residuos industriais e agrogandeiros. A biometanización é o proceso biolóxico que consegue a conversión da materia orgánica presente nos residuos a metano (55-80%) e dióxido de carbono (20-45%). Esta mestura de gases é susceptible de aproveitamento enerxético, tanto eléctrico como térmico, mediante combustión en motor de coxeneración. Do proceso obtense, ademais, un subproduto líquido parcialmente estabilizado e hixienizado coas características idóneas para a súa aplicación agrícola como fertilizante.

Outros proxectos premiados
No apartado de Mellor actuación en materia de sensibilización e difusión das Enerxías Renovables e a Eficiencia Enerxética, a premiada foi a murciana Legal Music polo “Festival SOS 4.8”, o primeiro festival urbano de música en España que deseñou todos os aspectos da súa produción baixo estándares internacionais de sustentabilidade.

En Mellor traxectoria en materia de enerxías renovables, aforro e eficiencia e/ou promoción e difusión, o galardón recaeu sobre a Empresa Municipal de Augas e Saneamento de Murcia, S.A. por “A eficiencia enerxética como estratexia de xestión sustentable en Augas de Murcia”. Trátase dun plan de actuación centrado en reducir os consumos enerxéticos e as as emisións de gases de efecto invernadoiro.

Entre actividades levadas a cabo pola empresa murciana están o estudo e promoción de novas fontes de enerxía, a innovación tecnolóxica e os plans de formación, capacitación e difusión.

Así mesmo, concedéronse dúas mencións especias nas categorías de Mellor actuación en materia de Aforro e Eficiencia Enerxética e de Mellor traxectoria en materia de enerxías renovables, aforro e eficiencia e/ou promoción e difusión.

A primeira delas recaeu na a Asociación Murciana de Loxística por “Inxección de hidróxeno/metano en motores diésel”, unha experiencia que permitiu establecer as vantaxes, aforros, redución de emisións, así como a súa cuantificación, do uso do hidróxeno e o metano como aditivos gaseosos en motores diésel de camións de transporte e outros vehículos.

A segunda foi para a Asociación Teder, de Estella-Lizarra (Navarra) por “Eureners, cooperación transnacional para o fomento das enerxías renovables e o aforro e a eficiencia enerxética nos territorios rurais”, un proxecto de cooperación entre territorios rurais que busca a mellora da calidade de vida da súa poboación, aplicando conxuntamente unha estratexia de promoción do aforro e eficiencia enerxética e das enerxías renovables.