INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA, PORTOS DE GALICIA E O IDAE ASINAN UN CONVENIO DE COLABORACIÓN PARA FOMENTAR A XERACIÓN DE ENERXÍA EÓLICA DE PEQUENA POTENCIA NOS PORTOS GALEGOS

11/11/2011

- Esta actuación permitirá estudar a posibilidade de implantar instalacións eólicas en tres portos da comunidade.

- A actuación encádrase dentro da estratexia da Xunta de Galicia de aposta polas fontes renovables e o aforro e a eficiencia enerxética.

- Con esta acción perséguese a incorporación de fontes enerxéticas menos contaminantes e a redución do consumo de enerxía nos portos.

 firma_Convenio_Inega_IDAE_Portos

Santiago, 11 de noviembre de 2011.- O director do Instituto Enerxético de Galicia, Eliseo Diéguez García, o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán Hermida, e o director xeral do IDAE, Alfonso Beltrán García-Echáriz, asinaron hoxe en Santiago o convenio de colaboración aprobado polo Consello da Xunta o pasado 3 de novembro polo cal se estudará a capacidade de integración da enerxía eólica de pequena potencia –ata 100 kW- nos Portos de Galicia.

Esta actuación, para a que se achegan un total de 55.000 euros, encádrase dentro do fomento das enerxías renovables e do Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética 2011-2013 nas administracións públicas galegas, polo que o Goberno galego pretende acadar un aforro de ata o 40% no consumo de enerxía final.

O presente acordo permitirá a selección de tres portos da comunidade, un nas Rías Altas, outro nas Medias e outro nas Rías Baixas, nos que se fará unha análise dos custos asociados a este tipo de instalacións e se definirá un proxecto tipo para cada un.

A Consellería de Economía e Industria persegue, así, adecuar o consumo de enerxía nos portos da comunidade, incorporando fontes menos contaminantes e reducindo fontes de enerxía. Deste xeito, ademais de analizar a demanda eléctrica dos portos e a viabilidade técnico-económica dos proxectos, emitirase un informe final que recollerá as posibilidades de desenvolvemento dos mesmos, permitindo coñecer a repercusión que sobre a xestión dos portos ten a implantación de eólica de baixa potencia.