INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA PROPÓN SOLUCIÓNS DE EFICIENCIA ENERXÉTICA NA CONSTRUCIÓN COMO UNHA FÓRMULA PARA REACTIVAR O SECTOR

21/11/2011

- O Instituto Enerxético de Galicia analiza nun congreso na EGAP a rehabilitación eficiente de edificios, coa asistencia de preto de 400 persoas.

- A Consellería inviste 5,5 millóns de euros neste exercicio para promover o aforro e a eficiencia na edificación.

EGAP_21112011

Santiago, 21 de novembro de 2011.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), inaugurou hoxe en Santiago, na Escola Galega de Administracións Públicas (EGAP), o congreso “Rehabilitación eficiente en edificios”. Deste xeito, durante dous días formaranse en diversos aspectos relacionados coa eficiencia enerxética na edificación, preto de 400 alumnos de toda España. Durante o acto o director do Inega, Eliseo Diéguez García, resaltou a posibilidade de conxugar aforro e eficiencia enerxética con edificación como modo de “reactivar un sector necesario na nosa economía”.

Sobre esta base, o director do Inega subliñou que a Xunta inviste neste exercicio un total de 5,5 millóns de euros en distintas actuacións que apostan pola eficiencia enerxética nos edificios. Así, o Inega desenvolve as súas accións no sector da edificación a través de dous grandes campos. Dun lado, as liñas de axuda para o aforro e a eficiencia enerxética, que abranguen subvencións para mellorar a envolvente térmica dos edificios co obxectivo de reducir a demanda enerxética en calefacción ou refrixeración; para mellorar a eficiencia enerxética das instalacións de calefacción; ou para construír novos edificios con alta cualificación enerxética.

E doutro, os plans renove relacionados co sector, entre os que se inclúen o de fiestras, o de luminarias, o de equipos de climatización ou o Plan Renove de Fachadas, unha das novidades previstas pola Consellería de Economía e Industria para este exercicio.

Os asistentes ao curso que hoxe comeza poderán formarse, entre hoxe e mañá, en materias tan importantes como a normativa existente en relación coa rehabilitación na edificación, a certificación enerxética nos edificios ou a crecente importancia das Empresas de Servizos Enerxéticos.