INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O PROXECTO EUROPEO GE2C'S LIDERADO POR ECONOMÍA E INDUSTRIA PROMOVERÁ A INSTALACIÓN DE DÚAS PLANTAS DE COXERACIÓN EN GALICIA E NORTE DE PORTUGAL

30/11/2011

- A iniciativa, que presentou hoxe en Ourense o director do Inega, Eliseo Diéguez, fomenta o aforro e a eficiencia enerxética no sector servizos na Eurorrexión.

- A elaboración dunha guía sobre a situación enerxética do sector, así como o desenvolvemento de varios plans de mellora en pequenas e medianas empresas están incluídas tamén no proxecto.

- Unha ferramenta ‘on line’ permitirá visualizar os consumos enerxéticos, os comportamentos dos usuarios e as medidas de aforro logradas.

 p_ge2c

Ourense, 30 de novembro de 2011.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), presentou hoxe en Ourense o proxecto europeo “GE2C´S: Eficiencia, coxeración e xestión enerxética no sector servizos”, que ten por obxectivo promover a eficiencia enerxética e as instalacións de coxeración no sector terciario de Ourense, Pontevedra e Norte de Portugal a través da aplicación de medidas concretas, exemplarizantes e transferibles.

A xornada de presentación, inaugurada na sede da Confederación Empresarial de Ourense polo director do Inega, Eliseo Diéguez, serviu para dar a coñecer as principais actuacións que se están a levar a cabo, entre as que cabe destacar a instalación de dúas plantas de coxeración, unha en Galicia e outra no Norte de Portugal, que se asentarán en instalacións públicas. Ademais, tamén se desenvolve, no ámbito deste proxecto, a elaboración dunha guía sobre a situación enerxética do sector servizos na Eurorrexión; o desenvolvemento de varios plans de mellora enerxética en pequenas e medianas empresas do sector servizos, así como cinco plans de viabilidade de plantas de coxeración.

Así mesmo, estase a a traballar nunha ferramenta on line que permitirá visualizar a través da web, mediante unha novidosa tecnoloxía, os consumos enerxéticos, os comportamentos dos usuarios e as medidas de aforro logradas ou posibles.

Ademais, entre agosto e decembro estase a desenvolver o curso ‘Xestor para a Eficiencia’ que, ao abeiro deste programa, forma a máis de 100 alumnos de Pontevedra, Ourense e o Norte de Portugal na xestión enerxética eficiente, afondando en áreas de interese como a xestión enerxética, a edificación sostible, as instalacións eléctricas e térmicas, o transporte ou a integración de enerxías renovables

Aforros de ata o 30% coa coxeración
Baseada na produción conxunta de enerxía eléctrica e de calor nunha mesma instalación, a coxeración configúrase como un dos sistemas de transformación enerxética máis eficientes, xa que permite obter aforros de enerxía primaria superiores ao 30% respecto á xeración convencional de enerxía eléctrica e térmica de xeito separado.

No ano 2010, as instalacións de coxeración representaron o 5,63% da potencia eléctrica instalada en Galicia e xeraron o 8,8% da enerxía eléctrica producida. Non obstante, do máis dun cento de centrais deste tipo existentes en Galicia, só un 10% se sitúan no sector servizos, polo que un dos grandes obxectivos do proxecto é dar a coñecer a rendibilidade no sector esta tecnoloxía.

O proxecto GE2C´S (Eficiencia, coxeración e xestión enerxética no sector servizos),  que se desenvolverá ata finais de 2012, encádrase dentro do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) 2007-2013 e conta cun orzamento de 1.062.602,92 euros, dos cales un 75% fináncianse mediante fondos FEDER e o 25% mediante achegas dos socios participantes no proxecto: o Inega (que actúa como xefe de fila), o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), a Confederación  de Empresarios de Pontevedra (CEP), a Confederación Empresarial de Ourense (CEO), o Instituto de Engenharía Mecãnica e Gestão industrial (INEGI), o Instituto Politécnico de Viana do Castelo (IPVC) e a Associação Empresarial de Viana do Castelo (AEVC).

Ao marxe desta iniciativa, o Inega convoca anualmente unha liña de axudas pola que subvenciona a realización de estudos de viabilidade de centrais de coxeración, así como a realización de auditorías enerxéticas para mellorar o rendemento das centrais en funcionamento, cunha contía subvencionable do 75% en ambos os dous casos.

 logos_GE2C