INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA IMPULSA EN VIGO UNHA XORNADA PARA PROMOVER SOLUCIÓNS DE EFICIENCIA ENERXÉTICA NAS EMPRESAS

10/11/2011

- O director do Inega, Eliseo Diéguez, inaugurou esta xornada sobre as posibilidades do mercado de servizos enerxéticos, especialmente no mundo empresarial.

- A Xunta de Galicia aprobou este ano a un investimento de 3,8 millóns de euros para fomentar medidas de eficiencia no marco do Plan de Impulso á Contratación  de Servizos Enerxéticos.

- A Consellería de Economía e Industria apoia o aforro e eficiencia enerxética, fomentando este tipo de iniciativas tanto entre empresas, como nos fogares e na propia administración pública.

10nov2011
Vigo, 10 de novembro de 2011.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), participou hoxe en Vigo no desenvolvemento da xornada “Solucións de eficiencia enerxética para as empresas”, unha iniciativa promovida pola Plataforma Tecnolóxica Española da Eficiencia Enerxética e que serviu para propor e concretar solucións aos distintos retos no ámbito da eficiencia enerxética.

O director do Inega, Eliseo Diéguez, salientou na inauguración do acto, o labor da Xunta a prol do aforro e eficiencia enerxética, encamiñado a fomentar este tipo de iniciativas, tanto entre empresas como nos fogares e na propia administración pública.

Os asistentes á xornada trataron as posibilidades do mercado de servizos enerxéticos, especialmente no mundo empresarial, que terá unha especial relevancia durante os próximos anos, contribuíndo á creación de emprego e á reorientación do modelo de negocio cara o sector da eficiencia enerxética.

Neste contexto, a figura das Empresas de Servizos Enerxéticos (ESEs) constitúe un piar fundamental para levar a cabo medidas e actuacións que permitan a consecución dos obxectivos de aforro e eficiencia. Así, a Xunta de Galicia aprobou este ano a un investimento de 3,8 millóns de euros para fomentar medidas de eficiencia no marco do Plan de Impulso á Contratación de Servizos Enerxéticos.

O obxectivo deste plan reside na obtención dun importante aforro enerxético nos edificios da administración pública, desenvolvéndose os novos contratos baixo a modalidade de empresas de servizos enerxéticos.

Deste xeito, as ESEs serven para desenvolvemento dunha política enerxética baseada no aforro e na eficiencia como piares básicos, e que se centra no impulso da redución do alto consumo enerxético, coa utilización de recursos renovables, e no favorecemento do uso racional da enerxía.