INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA APOSTA POLA FORMACIÓN EN MATERIA ENERXÉTICA PARA CONTRIBUIR Á MELLORA DO SECTOR DA EDIFICACIÓN

23/11/2011

- O Instituto Enerxético de Galicia asina un convenio de colaboración coa Fundación da Asociación Técnica Española de Climatización e Refrixeración (FUNDATECYR) para formar profesionais no aforro e na eficiencia enerxética.

- O Inega achega 90.000 euros para o desenvolvemento de quince cursos que formarán aos alumnos en procedementos alternativos sobre certificación e auditorías enerxéticas de edificios.

241111Fundatecyr2

Santiago, 23 de novembro de 2011.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), colaborará coa Fundación da Asociación Técnica Española de Climatización e Refrixeración (FUNDATECYR) na formación en materia de aforro e eficiencia enerxética de profesionais do sector da edificación. Neste sentido, o director do Inega, Eliseo Diéguez García, e o presidente de Fundatecyr, Javier Moreno de la Cuesta, asinaron hoxe un convenio de colaboración, aprobado no Consello da Xunta do pasado 17 de novembro, para impartir durante o vindeiro ano un total de quince cursos en distintas materias de aforro enerxético.

Para estas quince accións formativas, o Inega achega 90.000 euros que posibilitarán a realización de cinco “Cursos de Auditorías Enerxéticas de Edificios”; de cinco “Cursos de Certificación Enerxética de Novos Edificios: Métodos Alternativos”; e doutros cinco “Cursos do Regulamento de Instalacións Térmicas en Edificios (RITE)”. Deste xeito, os alumnos poderán formarse en procedementos alternativos sobre certificación e auditorías enerxéticas de vivendas.

Esta iniciativa promove, así, o aforro e a eficiencia enerxética no ámbito da construción, encadrándose na aposta estratéxica da Consellería de Economía e Industria por fomentar un axeitado aproveitamento dos recursos, conxugado co respecto escrupuloso ao medio ambiente. Ao abeiro das distintas actuacións de aforro e eficiencia, o departamento que dirixe Javier Guerra leva investidos nesta lexislatura 58,1 millóns de euros, que xeran a mobilización de investimentos por valor de 167,6 millóns e un aforro económico de 89,6 millóns de euros.

Outras actuacións
Nesta liña, o Inega subscribirá durante as próximas semanas distintos convenios con entidades e asociacións pertencentes ao sector da construción co obxecto de que o aforro e a eficiencia enerxética sirvan de base para a mellora desta industria.

O Inega desenvolve as súas actuacións no sector da edificación a través de dous grandes campos de acción: as liñas de axuda para o aforro e a eficiencia enerxética, dun lado; e os plans renove relacionados co sector doutro. No primeiro apartado inclúense axudas á rehabilitación da envolvente térmica dos edificios existentes, subvencións para a mellora da eficiencia enerxética; e axudas para a construción de novos edificios con alta cualificación enerxética.