INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA APOSTA POLA MELLORA DAS SINERXIAS ENERXÉTICAS ENTRE GALICIA E O NORTE DE PORTUGAL

03/11/2011

- Representantes do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) reuníronse hoxe en Lisboa con membros da Axencia da Enerxía Portuguesa (ADENE) e do Eixo Atlántico para estudar a firma dun protocolo de colaboración entre os tres entes.

- A ADENE amosa o seu interese polas liñas de aforro e eficiencia da Consellería así como pola súa actividade formativa.

Santiago, 3 de novembro de 2011.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia, prosegue os seus traballos para maximizar o rendemento e o aproveitamento das sinerxías que comparten Galicia e o Norte de Portugal no campo da enerxía, co fin de favorecer o desenvolvemento de novos proxectos de aforro e eficiencia.

Neste contexto, representantes do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) reuníronse hoxe en Lisboa con membros da Axencia da Enerxía Portuguesa (ADENE) e do Eixo Atlántico co obxectivo de cooperar en materia de eficiencia enerxética, estudando diversos proxectos cuxos beneficiarios serían tanto os municipios do Eixo Atlántico como os da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Así, en primeiro lugar abordouse a posibilidade de firmar un protocolo de colaboración entre o Inega, a ADENE e o Eixo Atlántico que persiga impulsar iniciativas concretas de aforro e eficiencia enerxética nos concellos.

Ademais, e dado que no mes de xaneiro de 2012 abrirase unha nova convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transnacional no Suroeste Europeo (SUDOE), a xuntanza serviu, tamén, para analizar a solicitude dunha candidatura conxunta para un proxecto de mellora dos niveis de eficiencia enerxética nas administracións locais. Esta centraríase na necesidade de sensibilizar e formar aos xestores enerxéticos da administración local.

Por outra banda, durante a xuntanza, os representantes portugueses amosaron o seu interese por coñecer as distintas liñas de aforro e eficiencia enerxética postas en marcha pola Xunta de Galicia, prestando especial atención aos distintos plans renove e estudando a súa posible aplicación en terras lusas.

Así mesmo, analizouse o importante papel dos cursos de xestor enerxético municipal, postos en marcha desde o Inega, co fin de introducir medidas de eficiencia na Administración local que permitan reducir os seus custes con pequenos xestos.