INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O PLAN RENOVE DE EQUIPOS DE ILUMINACIÓN INTERIOR DE ECONOMÍA E INDUSTRIA ABRE O 6 DE ABRIL A SOLICITUDE DE AXUDAS, DUN 25% DO CUSTO, COAS QUE SE XERARÁ UN INVESTIMENTO DE 2 MILLÓNS DE EUROS

02/04/2011

- A través desta nova campaña do Instituto Enerxético de Galicia, enmarcada na aposta estratéxica da Xunta pola potenciación do aforro, preténdese mellorar a eficiencia enerxética, a través da substitución das instalacións existentes de iluminación por outras de maior rendemento, reducindo así o consumo de enerxía

- O director do Inega informou que a contía máxima da subvención é do 25%, cun límite de 1.500 euros por vivenda unifamiliar; de 10.000 euros por edificio de vivendas en bloque e de 25.000 euros por edificio destinado a outros usos

- Eliseo Diéguez explicou que co cambio dunha lámpada convencional de 100W por unha de baixo consumo equivalente pódese conseguir un aforro de 15 euros por fogar e ano, xesto que se se fai no conxunto dos fogares galegos propiciaría un aforro de máis de 13 millóns anuais, que subiría a 208 millóns de euros anuais, se esta práctica se estendese ao conxunto de vivendas de España

director Inega_PRIluIntSantiago, 2 de abril de 2011.- O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), ente adscrito á Consellería de Economía e Industria, abrirá o vindeiro mércores, 6 de abril, o prazo de solicitude de axudas do Plan Renove de Equipos de Iluminación Interior, unha nova liña de axudas posta en marcha co fin de propiciar o aforro enerxético nas vivendas e edificios do sector terciario, a través da renovación das instalacións lumínicas existentes por outras máis eficientes, reducindo así o consumo de enerxía, segundo explicou esta mañá o director do Inega, Eliseo Diéguez García, en rolda de prensa.

Cun orzamento inicial que rolda os 500 mil euros, esta primeira edición do programa de renovación lumínica dos interiores, posibilitará a xeración dun volume de investimentos de ao redor de 2 millóns de euros; un aforro de enerxía primaria eléctrica estimado en 1.193.570 kWh/ano, así como a redución na emisión á atmosfera de 180 toneladas de CO2, mediante a substitución de luminarias, lámpadas ou reactancias por outras de maior rendemento ou a través da instalación de sistemas de control por presenza e regulación do nivel de iluminación segundo o aporte de luz natural.

Investimento mínimo subvencionable

Eliseo Diéguez sinalou que "con esta actuación integrada na aposta estratéxica da Xunta de Galicia pola potenciación do aforro e da eficiencia enerxética prevese chegar a máis de 350 vivendas e edificios do sector terciario". Así mesmo fixo fincapé en que "para que unha actuación sexa subvencionable no marco deste Plan, o investimento mínimo deberá alcanzar os 500 euros".

O director do Instituto adscrito a Economía e Industria tamén precisou que a contía máxima da axuda é do 25% do custo elixible da nova instalación de iluminación, cun límite de 1.500 euros por vivenda unifamiliar; de 10.000 euros por edificio de vivendas en bloque e de 25.000 euros por edificio destinado a outros usos, non a vivenda.

Poden acollerse a estas axudas, impulsadas por Economía e Industria a través do Inega as comunidades de veciños, as persoas físicas e xurídicas de dereito público ou privado (propietarios de vivendas ou edificios do sector terciario, empresas de servizos enerxéticos, empresas municipais de vivendas, etc.), sempre que a actuación subvencionable se realice en inmobles, vivendas ou edificios do sector terciario.

O Plan Renove de Iluminación Interior está previsto que remate a súa execución o 30 de xullo de 2011, ou ben cando se esgoten os fondos de forma anticipada. Para acollerse a unha axuda, o comprador deberá dirixirse en primeiro lugar a un instalador adherido ao Plan e adquirir os materiais obxecto da subvención. A continuación, o instalador deberá realizar a solicitude de fondos mediante a aplicación web habilitada ao efecto, imprimir os impresos de axuda e asinar a súa conformidade. A partir de aí o instalador deberá dispor de 60 días naturais para realizar a instalación, cobrar o importe da factura co desconto da axuda establecida e remitir a documentación oportuna ao Instituto Enerxético de Galicia para o cobro da subvención.

Aforros significativos

Eliseo Diéguez abondou en que "o alcance deste Plan é significativo, xa que a través das actuacións subvencionables no marco deste programa pódense alcanzar aforros notorios". "Así, por exemplo _puntualizou_ que coa substitución dunha lámpada normal de 100W por unha de baixo consumo equivalente se pode conseguir un aforro de 86,4 kWh/ano e de 14,7 euros anuais; un aforro que se traduce en 77.792 MWh/ano e en 13,2 millóns de euros, se o cambio se fai na totalidade das vivendas existentes en Galicia e en 1.225.799 MWh/ano, é dicir, 208 millóns de euros anuais, se a extrapolación se fai ao conxunto dos fogares españois".

Simulación dun caso real de aforro

Así mesmo invitou "a que cadaquén calcule, a través dunha aplicación informática que temos habilitada na nosa web, www.inega.es, o aforro que podería obter na súa casa ou lugar de traballo substituíndo as lámpadas convencionais por outras equivalentes de baixo consumo".