INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA REALIZA MÁIS DE MIL ENQUISAS EN CENTROS EDUCATIVOS DE QUINCE CONCELLOS PARA PROMOVER UN USO EFICIENTE DA ENERXÍA E ESTIMAR OS CONSUMOS DE BIOMASA NOS FOGARES

22/04/2011

- O Instituto Enerxético de Galicia está a levar adiante estas sondaxes, no marco do programa Enerxía Sostible Local, co fin de concienciar aos máis novos sobre o aforro e a eficiencia enerxética e para cuantificar o emprego de biocombustibles (leña, pellets e astelas) nos fogares galegos

- A realización deste cuestionario entre a comunidade escolar é a primeira das actuacións que se desenvolverán para impulsar un estudo da análise da viabilidade do mercado da biomasa en Galicia e Norte de Portugal, incardinado no proxecto E-SOL

131-f-esol_defSantiago, 22 de abril de 2011.- O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), adscrito á Consellería de Economía e Industria, desenvolverá, como xefe de fila do proxecto E-SOL ("Enerxía Sostible Local"), un estudo da análise da viabilidade do mercado da biomasa en Galicia e Norte de Portugal. Trátase de facer unha diagnose da situación actual de aproveitamento da biomasa forestal no ámbito territorial que abrangue o proxecto, tanto en aplicacións térmicas como eléctricas. Ademais preténdese detectar as posibilidades de establecer un mercado da biomasa na área de actuación e ao mesmo tempo determinar as posibles sinerxias con outros sectores vinculados.

O estudo cuantificará as existencias de biomasa tanto de orixe forestal como a procedente da industria da madeira, para o que se valorará a súa potencialidade e aproveitamento, tendo en conta todos os custes de produción, subministración e transformación. Este estudo concluirá cunha proposta de accións e medidas que axuden a implementar e dinamizar esta fonte de enerxía renovable en Galicia e Norte de Portugal.

Primeira fase do estudo

Unhas das accións que se levarán adiante dentro da primeira parte deste estudo é a realización dunha enquisa para coñecer o consumo enerxético de biocombustibles (leña, pellets, astelas) nos fogares galegos. As sondaxes estanse a realizar en quince concellos elixidos de xeito que cubran as diferentes zonas climáticas nas que se divide Galicia e que son os concellos que toman parte no proxecto Núcleos de Sostibilidade da Consellería de Medio Ambiente (Santiso, Dumbría, Oza dos Ríos, Ribadeo, Láncara, Folgoso do Caurel, Friol, Carballiño, Vilaboa, Cuntis e Lalín), e os catro concellos galegos que son socios de E-SOL (Baltar, Verín, Ríos e A Mezquita).

A difusión da devandita enquisa faise a través dos colexios, entre os seus escolares, mestres e familiares dos concellos elixidos. A enquisa versa sobre que tipo de combustible emprega cada familia como sistema de calefacción; clase de biocombustible empregado (leña, pellets, astelas); cantidades que se consomen ao ano; número de persoas que viven na unidade familiar e superficie e tipo de fogar para calcular, en función desas variables, os consumos enerxéticos nas vivendas estudadas.

Máis de mil enquisas

Na actualidade o estudo das enquisas atópase na fase de recompilación e procesamento de datos das máis de mil enquisas recollidas nos quince concellos. O obxectivo final do estudo é facer un cálculo estimativo do consumo de biocombustibles que existe na actualidade nos fogares de Galicia para así poder definir o aproveitamento térmico actual da biomasa no sector residencial e doméstico.

Consellos para reducir o consumo

O devandito cuestionario inclúe ademais a divulgación dunha serie de consellos sinxelos, dirixidos á poboación escolar para aforrar enerxía, tales como apagar as luces ao saír do cuarto; utilizar luminarias de baixo consumo; entregar as lámpadas no punto limpo do concello para a súa reciclaxe ou apagar os electrodomésticos no botón de arranque, non no mando a distancia, porque a través destes pequenos xestos promóvese o aforrar enerxía. Así mesmo, a sondaxe inclúe unha explicación sinxela sobre cal é a orixe da enerxía que se emprega nunha casa, tanto que sexa proveniente dos raios solares; como da enerxía do vento ou da auga, etc.

Coa realización desta enquisa o Instituto Enerxético de Galicia, adscrito ao departamento que dirixe Javier Guerra desenvolve, tras a campaña de sensibilización a prol do aforro que tivo como eixo estrutural o videoxogo de Super-E a Familia Efi, unha nova actuación para concienciar aos escolares e ás súas familias sobre a eficiencia enerxética, co fin de que nas súas vidas cotiás adopten pautas de aforro e contribúan así á redución do consumo de enerxía, a evitar emisións de CO2 á atmosfera e a potenciar, ademais, o aforro económico familiar.

  1. Enquisa colexios
  2. Audio - director do Inega