INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O PLAN RENOVE DE EQUIPOS DE CLIMATIZACIÓN DE ECONOMÍA E INDUSTRIA TEN COMPROMETIDOS MÁIS DE 540 MIL EUROS, PRETO DO 55% DO SEU ORZAMENTO, CON 845 SOLICITUDES DE AXUDA

23/04/2011

- As persoas interesadas aínda están a tempo de pedir unha subvención ao abeiro deste programa, para o que deberán dirixirse a un dos establecementos colaboradores na campaña, cuxa listaxe poderán consultar na web do Inega

- Está previsto que ao abeiro desta campaña, que se incardina na estratexia de potenciación da eficiencia enerxética da Xunta, se xere un investimento asociado de 3,5 millóns de euros, un aforro de enerxía primaria de 212,4 toneladas equivalentes de petróleo e unha redución na emisión de 776 toneladas de CO2 á atmosfera

presentación do Plan Renove de Climatización 2010Santiago, 23 de abril de 2011.- O Plan Renove de Equipos de Climatización que a Consellería que dirixe Javier Guerra ten en marcha a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) alcanza a cifra de 845 solicitudes de axuda nos máis de 300 establecementos que ata o día de hoxe participan neste programa, despois de que se abrise a solicitude de axudas o pasado 3 de febreiro.

As ditas solicitudes que se levan rexistradas representan un importe total de algo máis de 542 mil euros en canto a fondos comprometidos, do 1 millón de euros de orzamento de que dispón este Plan, que se incardina na aposta estratéxica da Xunta neste eido e co que se pretende reducir o consumo das instalacións térmicas de calefacción, climatización e produción de auga quente sanitaria, a través da substitución de equipos convencionais por caldeiras de condensación, equipos de climatización e bombas de calor de alta eficiencia enerxética.

As persoas interesadas en solicitar unha axuda ao abeiro deste Plan aínda están a tempo, pois o prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 30 de xuño, a non ser que os fondos se esgoten con antelación a esa data. Para este fin deberán dirixirse a unha das entidades colaboradoras no Plan, dispoñibles na web do Inega, www.inega.es.

Con esta nova actuación de aforro e eficiencia Economía e Industria e o Inega posibilitarán un investimento asociado de 3,5 millóns de euros, un aforro de enerxía primaria de 212,4 toneladas equivalentes de petróleo, o que supón evitar á emisión de 776 toneladas de CO2 á atmosfera.

A contía das axudas é dun máximo do 25% do custo total da obra e poderán chegar a alcanzar, en función da potencia nominal, os 1.320 euros no caso das caldeiras de condensación e os 3.840 euros no caso da substitución de equipos de aire acondicionado e bombas de calor.

Solicitude de axudas

Poden solicitar subvencións no marco deste Plan as persoas físicas ou xurídicas, de dereito público ou privado, propietarios de vivendas ou edificios do sector terciario, sempre que a actuación subvencionable se realice en vivendas ou edificios do sector terciario da súa titularidade emprazados na comunidade autónoma e cando tramiten a súa solicitude a través dalgunha das entidades colaboradoras adheridas ao Plan.

O Plan Renove de Equipos de Climatización incardínase na estratexia de aforro e eficiencia enerxética para o exercicio en curso, que conta cun orzamento total superior aos 21 millóns de euros en axudas, e co que se estima a xeración dun aforro enerxético superior a 193 mil MWh anuais, un aforro económico de preto de 16 millóns de euros anuais e unha redución na emisión á atmosfera de máis de 78 mil toneladas de CO2 e un investimento asociado de 75 millóns de euros.

  1.  audio do director do Inega - Plan renove Climarización 2010