INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA REFORZA O IMPULSO ÁS ENERXÍAS RENOVABLES CON AXUDAS Á INSTALACIÓN DE CALDEIRAS DE BIOMASA EN EDIFICIOS DO SECTOR PÚBLICO, QUE XERARÁN 1 MILLÓN DE EUROS DE INVESTIMENTO

29/04/2011

- Con esta nova actuación do Inega, cun orzamento global de algo máis de 350 mil euros, coa que se posibilitará a redución de 1.500 toneladas de CO2 anuais á atmosfera, preténdese remarcar o carácter exemplar das administracións mediante a potenciación da biomasa como fonte limpa que achega unha solución integral para a produción de calefacción, a xeración de auga quente sanitaria ou para a climatización de piscinas

- As axudas serán dun máximo do 45% do investimento subvencionable, cun límite de 50.000 euros por proxecto

- O prazo de presentación de solicitudes ábrese hoxe e permanecerá aberto durante un mes

Axudas 2011 - Caldeiras de BiomasaSantiago, 29 de abril de 2011.- O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), adscrito a Economía e Industria, impulsará actuacións de mellora do aforro e da eficiencia enerxética e de potenciación do uso das enerxías renovables no sector público mediante unha convocatoria de axudas específicas á que destina un orzamento global de 353.344 euros, dirixidas a desenvolver proxectos para a instalación de caldeiras de biomasa en edificios que presentan unha gran demanda enerxética, coas que se posibilitará un investimento asociado de preto de 1 millón de euros e a redución anual dunhas 1.500 toneladas de CO2 á atmosfera, segundo anunciou hoxe o director do Inega, Eliseo Diéguez.

A solicitude de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, poderá facerse desde hoxe e ata o próximo 30 de maio, de acordo coa resolución publicada onte no DOG, explicou o director en rolda de prensa. Ademais do cumprimento das bases reguladoras, a valoración dos proxectos terá en conta os seguintes criterios: eficiencia técnica e económica da instalación (70%); difusión da instalación (25%) e calidade da documentación presentada na solicitude (5%).

Con esta convocatoria de axudas Economía e Industria reforza a súa aposta pola potenciación da eficiencia enerxética e das enerxías renovables co fin de facer de Galicia unha comunidade líder no aproveitamento das enerxías limpas. Concretamente, mediante estas subvencións correspondentes ao exercicio 2011, trátase de impulsar nas administracións públicas o desenvolvemento de instalacións para a produción de enerxía térmica mediante caldeiras e equipamentos homologados que utilicen a biomasa como combustible.

"Esta nova actuación do Inega ten así un carácter exemplar, pois parte do sector público e ademais mediante ela incentívase a biomasa como fonte renovable que achega unha solución integral, posto que serve para a produción de calefacción, para a xeración de auga quente sanitaria ou para a climatización de piscinas", indicou Diéguez.

Serán obxecto de subvención as instalacións para produción de enerxía térmica mediante caldeiras e equipamentos homologados que utilicen biomasa como combustible sempre que a potencia nominal da instalación sexa superior a 50 kW. A contía da subvención será dun máximo do 45% do investimento subvencionable, cunha axuda límite por proxecto de 50.000 euros, axudas superiores en porcentaxe á liña xeral de subvención a caldeiras de biomasa que o Inega contempla no marco do seu programa global de subvencións a proxectos de enerxías renovables. Cómpre destacar que as axudas para caldeiras de biomasa son as máis demandadas en cada convocatoria anual e así o número de proxectos ascendeu a 581 en 2010.

Os límites máximos adicionais de subvención por tipo de instalación e potencia son de 175 euros/kWt para instalacións municipais e de 125 euros kWt para o resto de casos. "Unha vez máis, o departamento que dirixe Javier Guerra mostra sensibilidade coa Administración local, cunha porcentaxe subvencionable maior nesta liña de axudas, ao igual que ocorre co programa xeral de axudas a proxectos de enerxías renovables e de aforro enerxético", fixo fincapé o director do Instituto adscrito a Economía e Industria.

Beneficiarios

Poderán ter a condición de beneficiario as administracións públicas ou fundacións titulares dos inmobles onde se pretenda instalar unha caldeira de biomasa destinada a calefacción, xeración de auga quente sanitaria ou climatización de piscinas. Hai que aclarar que baixo o epígrafe de administracións públicas se engloba ademais da Administración xeral do Estado, da Administración autonómica e da Administración local, os entes que integran o sector público: organismos autónomos, axencias públicas, entes públicos empresariais, consorcios e outras entidades instrumentais como as fundacións e as sociedades públicas.

Tamén poderán optar a unha destas axudas as empresas de servizos enerxéticos (ESE´s) que teñan contratada cunha administración a implantación dunha ou varias caldeiras de biomasa nos seus edificios. Trátase de potenciar a instalación desta fonte renovable naquelas administracións como a local que presentan especiais dificultades pola actual conxuntura económica, posto que a través das ESE´s o pago dos servizos que estas empresas prestan se basea na obtención de melloras de eficiencia e no cumprimento dos requisitos de rendemento acordados de antemán no correspondente contrato asinado de antemán coa entidade pública.

Os formularios para solicitar unha axuda deberán ser obtidos, cubertos e validados polo solicitante a través da dirección http://www.inega.es ou ben desde o enderezo http://www.xunta.es/axudasinega2011 da Xunta de Galicia. As solicitudes poderán presentarse en formato electrónico ante o rexistro telemático ou ben en formato papel no rexistro único do Inega, así como nos rexistros habilitados ao efecto.

O director do Inega tamén reafirmou a aposta por dar un novo paso para incrementar a axilidade e a eficacia na tramitación das axudas e por iso avanzou o compromiso de publicar no DOG a listaxe de subvencións concedidas nun prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións.

Por último Diéguez insistiu en que con estas axudas á instalación de caldeiras de biomasa no sector público se avanza na estratexia da Xunta pola potenciación das enerxías limpas co fin de chegar ao ano 2015 producindo con fontes renovables máis do 95% de electricidade, en base ás directrices que guían o Plan Enerxético Estratéxico de Galicia 2010-2015.