INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA FOMENTA A CREACIÓN DUN NOVO SECTOR INDUSTRIAL EN GALICIA NO EIDO DAS ENERXÍAS RENOVABLES

05/08/2011

- O conselleiro de Economía e Industria visitou hoxe ó prototipo de bóia experimental para xerar enerxía a partir das ondas do mar que está situada na ría de Ares

- O titular de Economía salienta que “se traballa para posicionar a Galicia á vangarda da enerxía undimotriz, xerando un sector tecnolóxico, industrial e social, con grandes perspectivas de creación de emprego

- Javier Guerra explicou que o obxectivo do proxecto é aproveitar o potencial económico e tecnolóxico da enerxía do mar

- A Xunta traballa na elaboración e aprobación dunha norma reguladora desta actividade, co fin de ser a primeira Comunidade Autónoma en aprobar unha normativa clara sobre este sector enerxético

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, na súa visita á bóia fondeada desde o mes de xullo na Ría de Ares Santiago, 5 de agosto de 2011.- A Consellería de Economía e Industria está a traballar nun programa orientado ao fomento da creación dun novo sector industrial en Galicia no eido das enerxías renovables, concretamente está a impulsar un proxecto experimental de xeración de enerxía undimotriz que se está a desenvolver en Ferrol en colaboración coa empresa Galicia Mar Renovables.

Esta mañá o conselleiro, Javier Guerra, visitou a bóia fondeada desde o mes de xullo na Ría de Ares, un prototipo que se espera que chegue a producir 1 millón de Mw/h, o que suporía a enerxía suficiente para abastecer a 300 familias durante un ano.

Javier Guerra salientou que “Galicia presenta un elevado potencial no campo da enerxía undimotriz e o seu aproveitamento é unha das posibles opcións para alcanzar un incremento significativo das enerxías renovables nas próximas décadas”. O conselleiro apuntou que “temos neste tipo de enerxía unha oportunidade de futuro, de feito, o aproveitamento da enerxía xerada polas ondas é xa unha realidade, con grandes perspectivas de crecemento, nas costas de Ferrol”.

O titular de Economía e Industria anunciou que neste eido “a Xunta de Galicia impulsa a elaboración e aprobación dunha normativa reguladora desta actividade, que converta a Galicia na primeira Comunidade Autónoma de España en aprobar unha norma clara sobre este sector enerxético”. “Queremos situar a Galicia á vangarda da enerxía undimotriz, xerando un sector tecnolóxico, industrial e social, con grandes perspectivas de creación de emprego”, apuntou.

Para alcanzar este liderado, desde a Consellería de Economía e Industria, apóiase a recuperación dos sectores máis asentados como o eólico, á vez que se fomenta a consolidación e crecemento das tecnoloxías experimentais. A través do Inega, realízase de forma continua un seguimento destas tecnoloxías, analizando prototipos, a evolución de I+D e as súas posibilidades de implantación en Galicia.

En concreto, este proxecto céntrase na análise para a implantación de parques experimentais de enerxía undimotriz en Galicia. Desde Inega analízanse de forma práctica e rigorosa os efectos da implantación deste tipo de instalacións na costa galega . “O obxectivo é aproveitar as experiencias do funcionamento deste parque experimental, para impulsar a creación dun novo sector industrial aproveitando o potencial económico e tecnolóxico da enerxía do mar”, sinalou Guerra.

Plan Ferrol

O conselleiro enmarcou esta iniciativa no compromiso do Goberno Galego con Ferrol, dentro da estratexia do Plan Ferrol recentemente ampliado até 2013, un programa no que a innovación empresarial e o fomento das enerxías renovables son dúas cuestións prioritarias. Guerra destacou que, no que vai de ano, “a Xunta apoiou investimentos por máis de 150 millóns de euros, con case 70 millóns de axudas concedidas ao amparo da estratexia de dinamización do tecido comercial e produtivo das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal”.

Ademais Guerra lembrou que esta actuación enmarcase “dentro dun proxecto que supuxo un investimento de preto de 2 millóns de euros, co apoio do Plan Ferrol, e esta instalación xerou a creación e o mantemento de 300 postos de traballo na zona”.