INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O NOVO SERVIZO DE DIAGNOSE ON LINE PARA PEMES, POSTO EN MARCHA POLA CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA, REXISTRA NAS TRES PRIMEIRAS SEMANAS 163 AUDITORÍAS ENERXÉTICAS

15/08/2011

- O elevado número de visitas rexistradas indica o interese das pequenas e medianas empresas de acometer medidas de aforro enerxético

- O instrumento servirá as pemes a mellorar a súa competitividade, a calidade dos seus produtos e servizos e aumentar a identificación dos clientes cos valores dunha empresa que coida da súa contorna

- A aplicación posta en marcha polo INEGA na súa web –www.inega.es- é unha nova fonte de datos estatísticos, axeitados para analizar a implantación das medidas de aforro e eficiencia e do uso das renovables nos sectores económicos estratéxicos de Galicia

Santiago, 15 de agosto de 2011.- Nestas primeiras semanas de funcionamento da aplicación de “Diagnose Enerxética On line”, posta en marcha pola Consellería de Economía e Industria, a través do Inega, obtívose un elevado número de visitas, cun rexistro de preto de 200 usuarios e o desenvolvemento de 163 auditorías. Estes datos reflicten a boa acollida que está a ter a aplicación dentro do eido empresarial galego e corrobora o compromiso da Xunta de Galicia coas pemes a prol do aforro enerxético, considerándoo un factor primordial para a mellora da súa competitividade empresarial.

A Consellería de Economía e Industria, a través desta ferramenta on line, ten como principal obxectivo “facilitarlle as pequenas e medianas empresas a realización dunha diagnose dos consumos enerxéticos do seu negocio co fin de mellorar a súa eficiencia enerxética”, segundo sinalou Eliseo Diéguez, director do Inega.

O aforro e a eficiencia son fundamentais para as pemes que queren mellorar a súa competitividade e rebaixar os custos que non engaden valor engadido, así como mellorar a calidade dos seus produtos e servizos e aumentar a identificación dos clientes cos valores dunha empresa que coida da súa contorna.

As auditorías terminadas reflicten un índice de aproveitamento medio do potencial da aplicación do 45,63%, isto significa que os usuarios se centraron naqueles aspectos que consideraban de maior interese, pero dispoñen aínda dunha importante marxe na aplicación para completar estas auditorías. Así, a aplicación cuantificou un potencial de aforro enerxético medio do 12,93% nas auditorías terminadas, o que supón “unha redución de custos media do 13,52% e nalgunhas auditorías cun marxe de aproveitamento elevado, estanse a conseguir reducións de custos de ata un 40%”, apuntou o director do Inega.

Asemade, a ferramenta constitúe tamén unha nova fonte de datos estatísticos, axeitados para analizar a implantación das medidas de aforro e eficiencia e do uso das renovables nos sectores económicos estratéxicos de Galicia.