INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA TRABALLA PARA MAXIMIZAR AS SINERXIAS ENERXÉTICAS ENTRE GALICIA E NORTE DE PORTUGAL E DESENVOLVER NOVOS PROXECTOS DE EFICIENCIA

22/08/2011

- O Inega mantén reunións con representantes do Eixo Atlántico, da Axencia Rexional de Enerxía e Ambiente do Alto Minho e coa Cámara Municipal de Viana do Castelo para intercambiar experiencias e traballar conxuntamente a prol da eficiencia.

- O obxectivo común prioritario é intensificar os esforzos conxuntos á hora de solicitar programas europeos que sexan de interese para a rexión.

- Os membros portugueses amosan interese pola eficacia das liñas de axuda de aforro e eficiencia enerxética da Consellería de Economía e Industria e mais pola actividade formativa, destacando a utilidade dos cursos de xestor enerxético municipal.

- A apertura de vías de colaboración de aforro enerxético no sector industrial para a realización de auditorías enerxéticas e de cursos de xestor enerxético neste sector son outros temas que se están a tratar.

Santiago, 22 de agosto de 2011.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia, traballa para maximizar o rendemento e o aproveitamento das sinerxias que comparten Galicia e o Norte de Portugal no eido da enerxía, coa fin de favorecer o desenvolvemento de novos proxectos de eficiencia e aforro.

Este é o traballo que está a desenvolver o Instituto Enerxético de Galicia (Inega), adscrito a Economía e Industria, nas reunións con representantes do Eixo Atlántico, da Axencia Rexional de Enerxía e Ambiente do Alto Minho e da Cámara Municipal de Viana do Castelo. Co fin de aproveitar as posibilidades que ofrecen estas xuntanzas, o Inega acordou manter encontros periódicos para intercambiar experiencias e intensificar esforzos á hora de solicitar proxectos europeos que sexan de interese para ambas as dúas partes.

Pola súa banda, os representantes portugueses amosaron o seu interese por coñecer as distintas liñas de axuda en aforro e eficiencia enerxética postas en marcha pola Xunta, en especial, no referente aos plans renove de Electrodomésticos e de Fiestras, ao programa de cambio de caldeiras por outras novas de condensación e bombas de calor xeotérmicas ou polas axudas á mellora da envolvente térmicas de edificios.

Tamén destacouse a eficacia dos cursos de xestor enerxético municipal, postos en marcha desde o Inega, coa fin de introducir medidas de eficiencia na Administración local que permitan reducir os seus custos con pequenos xestos. De xeito que este foi outro dos aspectos que resultou especialmente atractivo aos membros portugueses, que se comprometeron a estudar a posibilidade de colaboración para a posta en marcha dun seminario similar na rexión norte por parte da Axencia Rexional de Enerxía e Ambiente de Alto Minho.

A apertura de vía de colaboración de aforro enerxético no sector industrial para a realización de auditorías enerxéticas e de cursos de xestor enerxético neste sector foron outros dos temas que se están a tratar.

Neste sentido, cómpre destacar que a rexión norte de Portugal, desde o punto de vista enerxético, presenta moitas similitudes con Galicia, xa que conta cun elevado potencial de enerxías renovables e son zonas tradicionalmente excedentarias de enerxía eléctrica, nas que nos últimos anos incrementouse a demanda de enerxía eléctrica asociada á mellora da calidade de vida. Así mesmo hai que destacar que o maior intercambio de enerxía eléctrica entre España e Portugal se realiza a través da liña de alta tensión de 400 kV entre Cartelle-Lindoso.