INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA PROMOVE A EFICIENCIA ENERXÉTICA NO SECTOR DA EDIFICACIÓN A TRAVÉS DA FORMACIÓN DE ESPECIALISTAS

18/12/2011

- O Inega colaborará co Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias de Galicia para impartir cursos centrados na normativa edificatoria e a certificación enerxética.

firma_Convenio_ICOIIG

Santiago, 18 de decembro de 2011.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), colaborará co Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias de Galicia (ICOIIG) na formación en materia de aforro e eficiencia enerxética de profesionais do sector da edificación. Neste sentido, o director do Inega, Eliseo Diéguez García, e o decano de ICOIIG, José Manuel Durán Rodríguez, veñen de asinar un acordo de colaboración, aprobado no último Consello da Xunta, para impartir durante o vindeiro ano catro cursos en materias de aforro enerxético.

As acción formativas, para as que o Inega achegará 20.000 euros, estarán centradas no programa informático Calener, que permite determinar o nivel de eficiencia enerxética correspondente a un edificio, tanto no momento de proxectar e calcular as instalacións como para realizar a súa certificación enerxética

Esta iniciativa enmárcase na aposta da Consellería de Economía e Industria polo fomento dun axeitado aproveitamento dos recursos, conxugado co respecto ao medio ambiente. Ao abeiro das distintas actuacións de aforro e eficiencia, o departamento que dirixe Javier Guerra leva investidos nesta lexislatura 58,1 millóns de euros, que xeran a mobilización de investimentos por valor de 167,6 millóns e un aforro económico de 89,6 millóns de euros.

Outras actuacións
O Inega vén promovendo durante as últimas semanas distintos convenios con entidades e asociacións profesionais pertencentes ao sector da construción para promover o aforro e a eficiencia enerxética a través da formación de especialistas. Ademais das actuacións formativas, o Inega desenvolve as súas actuacións no sector da edificación a través de dous grandes campos de acción: as liñas de axuda para o aforro e a eficiencia enerxética, dun lado; e os plans renove relacionados co sector doutro. No primeiro apartado inclúense axudas á rehabilitación da envolvente térmica dos edificios existentes, subvencións para a mellora da eficiencia enerxética; e axudas para a construción de novos edificios con alta cualificación enerxética.