INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA APOSTA POLA FORMACIÓN DE ESPECIALISTAS EN MATERIA ENERXÉTICA PARA MELLORAR A SITUACIÓN DO SECTOR DA EDIFICACIÓN

11/12/2011

- O Inega colabora coa Asociación Clúster da Eficiencia e a Xestión Enerxética (CEXEGA) e coa Federación Galega de Asociacións de Fontanería (FEGAFÓN) para impartir cursos sobre inspección de eficiencia enerxética e climatización en edificios

- As dúas accións, cun importe total de 45.000 euros, formarán aos profesionais no procedemento de certificación enerxética de edificios, no novo Regulamento de instalacións térmicas nos edificios (RITE) e no Código técnico da edificación.

firma_Convenios
Santiago, 11 de decembro de 2011.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), continúa coa promoción de accións formativas en materia enerxética que permitan impulsar e mellorar a actual situación que atravesa o sector da edificación. Neste sentido, o director do Inega, Eliseo Diéguez García, ven de de firmar dous novos convenios de colaboración: un coa Asociación Clúster da Eficiencia e a Xestión Enerxética (CEXEGA), e outro coa Federación Galega de Asociacións de Fontanería (FEGAFÓN).

A través destes acordos, desenvolveranse diferentes accións formativas que permitirán educar a profesionais do sector da edificación en materias de aforro e eficiencia enerxética. Así, o convenio con CEXEGA prevé a realización de 4 edicións da acción formativa “Curso de Inspeccións da Eficiencia Enerxética en Edificios”, que se desenvolverán en Santiago, Lugo, Ourense e Vigo. Pola súa banda, a través do acordo con FEGAFÓN desenvolveranse catro edicións do “Curso de Climatización e Ventilación Adaptado á Nova Normativa Enerxética Edificatoria”.

Estas dúas accións, que suman un importe total de 45.000 euros, facilitarán aos distintos profesionais coñecemento e formación no procedemento de certificación enerxética de edificios, no novo Regulamento de instalacións térmicas nos edificios (RITE) e no documento básico de aforro e enerxía do Código técnico da edificación.

Estas iniciativas proseguen, así, coa aposta da Consellería de Economía e Industria polo fomento dun axeitado aproveitamento dos recursos, conxugado co respecto ao medio ambiente. Deste xeito, se espera mellorar a actual situación do sector da edificación. Ao abeiro das distintas actuacións de aforro e eficiencia, o departamento que dirixe Javier Guerra leva investidos nesta lexislatura 58,1 millóns de euros, que xeran a mobilización de investimentos por valor de 167,6 millóns e un aforro económico de 89,6 millóns de euros.

Outras actuacións na edificación
O Inega desenvolve as súas actuacións no sector da edificación a través de dous grandes campos de acción: as liñas de axuda para o aforro e a eficiencia enerxética, dun lado; e os plans renove relacionados co sector, doutro. No primeiro apartado inclúense axudas á rehabilitación da envolvente térmica dos edificios existentes, subvencións para a mellora da eficiencia enerxética; e axudas para a construción de novos edificios con alta cualificación enerxética.