INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O COMPLEXO HOSPITALARIO UNIVERSITARIO DE SANTIAGO REDUCIRÁ NUN 20% O SEU CONSUMO ENERXÉTICO, QUE ACTUALMENTE SUPERA OS 38 MILLÓNS DE kWH ANUAIS EN ELECTRICIDADE

17/12/2011

- A implantación destas medidas permitirá acadar un aforro de máis de 13 millóns de euros en 8 anos.

- O Plan supón un novo modelo de xestión que integra un conxunto de subministros e prestacións complementarias, asegurando a optimización da calidade e a redución dos custes.

Santiago, 17 de decembro 2011.- O Plan de Eficiencia Enerxética do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago permitirá que este reduza nun 20% como mínimo o seu consumo enerxético, segundo afirmou hoxe a xerente do Servizo Galego de Saúde, Rocío Mosquera Álvarez. Os hospitais que conforman o CHUS consumen actualmente máis de 38 millóns de kWh de electricidade e máis de 21 millóns de kWh de enerxía técnica primaria.

Segundo dixo, Sanidade licitará de xeito conxunto servizos que xa están actualmente externalizados por un importe inferior do actual, o que suporá un aforro enerxético e económico, xa que a implantación destas medidas permitirá acadar un aforro de máis de 13 millóns de euros en 8 anos.

Así, contrataranse as subministracións que garantan unhas prestacións finais referentes a eidos como o confort ambiental óptimo do hospital, a auga quente sanitaria, a iluminación –con determinadas premisas de calidade, intensidade e uniformidade- e a subministración eléctrica.

Para isto, indicou Mosquera, o adxudicatario será responsable da condución e transformación das subministracións primarias nos edificios; asumirá a xestión e a operación das instalacións relacionadas coa subministración enerxética; e asumirá, en xeral, todas as melloras necesarias en equipos e instalacións.

Novo modelo de xestión
A xerente do Sergas visitou hoxe as instalacións da sa de caldeiras do CHUS acompañada polo director xeral de Innovación e Xestión na Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Manuel Varela Rey. Segundo explicou, a Xunta licitará a contratación para a Subministración Enerxética Prestacional e do Servizo de Mantemento e Conservación de Edificios, Instalacións e Equipos do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, por un importe de 54.982.797 euros distribuído en oito anualidades.

O Plan supón un novo modelo de xestión que integra un conxunto de subministros e prestacións complementarias, asegurando a optimización da calidade e a redución dos custes enerxéticos. Así, por primeira vez se licita a prestación do servizo, e non o propio consumo.

No mantemento de edificios e instalacións inclúense o servizo de operación e mantemento enerxético e servizo de mantemento xeral, que implicarán as actuacións de mellora e renovación das instalacións que sexan necesarias para garantir un aforro enerxético mínimo do 20%. Isto permitirá, ademais, unha redución nas emisións de CO2 estimada en 6.400 toneladas ao ano.

Tamén están comprendidos no obxecto do contrato o subministro de enerxía eléctrica, de gas natural e de gasóleo; así como o servizo de mantemento de edificios e instalacións e o subministro dos respostos eléctricos de climatización asociados a estas instalacións.

Melloras a realizar
As melloras realizaranse sobre os propios edificios, as coxeneracións ou trixeneracións e as sas de caldeiras; e inclúen tamén a adquisición de novas caldeiras, enfriadoras e bombas de calor; a reforma integral do alumeado –incorporando tecnoloxía led e sensores de regulación-; a incorporación de sistemas domóticos; e variadores de velocidade en motores de climatización.

Coa implantación de todas estas medidas, Sanidade garante o subministro dos combustibles e enerxía necesarios para o funcionamento dos centros hospitalarios que integran o CHUS, así como o mantemento de edificios e instalacións de modo que tanto a temperatura como o alumeado dos centros sexan ás adecuadas ás necesidades reais existentes, garantindo o confort e habitabilidade das institucións sanitarias tanto aos usuarios como aos profesionais que traballan neles.

Plan Integral de Eficiencia Enerxética
Esta iniciativa posta en marcha pola Consellería de Sanidade enmárcase no seu Plan Integral de Eficiencia Enerxética (PIEE), e parte da configuración do CHUS como un centro consumidor de enerxía, aos efectos do establecido por este Plan para promover a eficiencia enerxética nos edificios públicos ao que a Comunidade Autónoma adheriuse a través do instituto Enerxético de Galicia (Inega), mediante a aprobación polo Consello da Xunta en maio de 2011.

Neste marco, o Inega financiará ata o 15% do custe dos investimentos, cun máximo de 911.250 euros en actuacións de aforro e eficiencia enerxética e de enerxías renovables (de xeración térmica) que se leven a cabo no CHUS.