INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA PROMOVE A EFICIENCIA ENERXÉTICA NAS EDIFICACIÓNS A TRAVÉS DA FORMACIÓN DE ESPECIALISTAS

21/12/2011

- O Inega vén de asinar acordos co Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos e co Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais para impartir cursos sobre inspección de eficiencia enerxética e climatización en edificios.

- A Consellería inviste 215.000 euros para formar aos profesionais no fomento do aforro e da eficiencia enerxética en colaboración con sete entidades do sector.

firma_Convenio_Colexio_Arquitectos

Santiago, 21 de decembro de 2011.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), continúa coa promoción de accións formativas para fomentar o aforro e a eficiencia enerxética nas edificacións a través da especialización de profesionais do sector. Neste sentido, o director do Inega, Eliseo Diéguez García, vén de firmar acordos de colaboración co Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos e co Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industrias (CGETI).

O acordo co Colexio de Aparelladores permitirá a realización de catro cursos sobre eficiencia enerxética e sustentabilidade, nos que os alumnos afondarán nos principios da arquitectura bioclimática, a importancia das instalacións térmicas eficientes ou as enerxías renovables. Pola súa banda, mediante o acordo con CGETI promoveranse seis cursos centrados no programa informático Calener, que determina o nivel de eficiencia enerxética correspondente a un edificio, tanto no momento de proxectar e calcular as instalacións como para realizar a súa certificación enerxética.

Nas últimas datas o Inega leva promovidos un total de sete convenios con entidades do sector da edificación cun investimento de 215.000 euros, que permitirán formar aos profesionais no fomento do aforro e da eficiencia enerxética.

As actuacións do Inega no sector da edificación contemplan, ademais das accións formativas, dous grandes campos de acción: as liñas de axuda para o aforro e a eficiencia enerxética, dun lado; e os plans renove relacionados co sector, doutro. No primeiro apartado inclúense axudas á rehabilitación da envolvente térmica dos edificios existentes, subvencións para a mellora da eficiencia enerxética; e axudas para a construción de novos edificios con alta cualificación enerxética.