INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA FOMENTA A EFICIENCIA ENERXÉTICA COA DISTRIBUCIÓN DE MÁIS DE 14.000 GUÍAS DE AFORRO DA ENERXÍA

24/12/2011

- A publicación editada polo Inega ofrece consellos e pautas sinxelas para aforrar enerxía, como empregar correctamente os electrodomésticos ou conducir de forma máis eficiente.

- A baixada dun só grao na temperatura do frigorífico aumenta o seu consumo un 5%, mentres que empregar o lavalouza nun programa económico e a plena carga aforra ata un 60% de enerxía.

- Nas viaxes interurbanas o coche consome, por viaxeiro e quilómetro, case tres veces mais que o autobús.

- A guía, coa que se potencia o uso das enerxías renovables en todos os sectores económicos, recolle tamén as principais liñas de axuda promovidas polo Inega, destacando especialmente os Plans Renove.

- O documento achega un acceso fácil á información para racionalizar o uso dos recursos enerxéticos, diminuír a dependencia enerxética e poder minorar o impacto medioambiental.

Santiago, 24 de decembro de 2011.- A Consellería de Economía e Industria leva distribuídos xa máis de 14.000 exemplares da Guía de Aforro da Enerxía, un documento editado polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega) co obxectivo de fomentar na cidadanía a eficiencia e o aforro enerxético. Esta publicación –dispoñible tamén na páxina web do Inega, www.inega.es- recolle o traballo do departamento que dirixe Javier Guerra na potenciación do uso das enerxías renovables en todos os sectores económicos, fomentado condutas máis eficientes desde o punto de vista enerxético entre os consumidores galegos.

Para iso, o manual ofrece consellos e pautas sinxelas que estudan as posibilidades de aforro e eficiencia en distintos campos: consumo doméstico, transporte, fogar, comunidades de propietarios ou traballo. A facturación enerxética, as fontes renovables ou as posibilidades das vivendas eficientes son outros dos temas que se tratan.

A través da súa lectura, os cidadáns coñecerán distintas formas para aforrar enerxía, desde empregar correctamente os electrodomésticos ata apostar por unha condución máis eficiente. Así, descubrirán que a baixada dun só grao na temperatura do frigorífico aumenta o seu consumo un 5%; ou que empregar o lavalouza nun programa económico e a plena carga aforra ata un 60% de enerxía; ou que en viaxes interurbanas o coche consome, por viaxeiro e quilómetro, case tres veces mais que o autobús.

Así mesmo, o documento recolle, tamén, as principais liñas de axuda promovidas polo Inega, destacando especialmente os Plans Renove que se veñen aprobando neste exercicio: Electrodomésticos, Fiestras, Equipos de Climatización e Iluminación Interior ou o Plan de Vehículos Eficientes.

Por último, a guía inclúe precisións sobre a etiquetaxe enerxética para ter en conta á hora de mercar un electrodoméstico ou un vehículo, e avoga pola mellora da iluminación e a optimización enerxética nos fogares galegos.

Os exemplares estanse a repartir por toda Galicia entre diferentes organismos e institucións, concellos, e Oficinas Municipais de Información ao Consumidor (OMIC´s). Deste xeito, os cidadáns teñen un acceso fácil á información para racionalizar o uso dos recursos enerxéticos, diminuír a dependencia enerxética e poder minorar o impacto medioambiental acadando un desenvolvemento sostible.