INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA AXUDARÁ Á INSTALACIÓN DE ILUMINACIÓN EFICIENTE ENERXETICAMENTE EN 250 EDIFICIOS E VIVENDAS DE GALICIA

26/12/2011

- A nova edición do Renove de Equipos de Iluminación Interior da Xunta evitará a emisión de 300 toneladas de CO2 á atmosfera.

- As axudas alcanzarán o 25% do custo da nova instalación, chegando ata os 10.000 euros nos bloques de vivendas.

- Este Plan Renove permitirá un aforro de enerxía primaria de 1.900.000 kWh/ano.

- Nesta segunda edición do Plan Renove de Equipos de Iluminación Interior, a Consellería de Economía e Industria destina un orzamento de 490.000 euros para xerar un investimento asociado de 2 millóns.

Santiago, 26 de decembro de 2011.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), pon en marcha a segunda edición do Plan Renove de Equipos de Iluminación Interior para axudar á instalación de iluminación enerxéticamente eficiente en preto de 250 edificios e vivendas.

A Consellería que dirixe Javier Guerra continúa a desenvolver a súa estratexia de aforro enerxético na Comunidade e coa segunda edición do Plan Renove de Equipos de Iluminación Interior permitirá un aforro de enerxía primaria eléctrica estimada en 1,9 millóns de kWh/ano, evitando a emisión de 300 toneladas de CO2 á atmosfera.

O director do Inega, Eliseo Diéguez García, sinalou hoxe na presentación deste Plan que a nova edición do Renove de Equipos de Iluminación Interior conta cun orzamento de 490.000 euros co que se subvencionará ata un 25% do custo de substitución de equipos por outros máis eficientes. Deste xeito, mellorarase a eficiencia das edificacións reducindo o seu consumo de enerxía.

Para acadar estes obxectivos, subvencionaranse tanto a substitución de lámpadas e luminarias convencionais por outras máis eficientes como o troque de balastos –parte interior do equipo de iluminación- de convencionais a electrónicos. Tamén se fomentará a instalación de sistemas de regulación a través de fotocélula e de detectores de presenza.

Contía das axudas
A contía da subvención variará en función do tipo de equipo que se substitúa. Non obstante, a axuda cubrirá ata un 25% do custo da nova instalación, esixíndose un investimento mínimo de 500 euros. Os límites máximos serán de 1.500 euros no caso dos pisos, 10.000 euros en bloques de vivendas, e 25.000 en edificios do sector terciario.

Como requisito, as actuacións teñen que levar asociada unha diminución anual de, ao menos, un 30% do consumo de enerxía convencional, garantindo un confort lumínico adecuado á tarefa a realizar.

As actuacións se tramitarán a través das entidades colaboradoras, que poderán renovar o seu compromiso se participaron na edición anterior deste programa, ou solicitar unha alta nova durante os dez días hábiles seguintes á data de publicación no DOG.

Pola súa banda, os beneficiarios do Plan –tanto particulares e comunidades de veciños como empresas do sector terciario- poderán solicitar a axuda a partir dos 30 días hábiles contados desde a publicación no Diario Oficial de Galicia, prevista para o martes 27 de decembro. Farano a través dos establecementos adheridos, que realizarán a solicitude de fondos mediante a aplicación web recollida na páxina do Inega –www.inega.es-.