INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA ACTIVA O PLAN DE VEHÍCULOS EFICIENTES PARA AVANZAR NA ESTRATEXIA DE MOBILIDADE SOSTIBLE DA XUNTA

09/12/2011

- A nova edición do Plan de Vehículos Eficientes diminuirá o impacto ambiental, cun aforro anual de 82 toneladas de petróleo, evitando a emisión á atmosfera de 266 toneladas de CO2.

- A Consellería incrementa nun 37% o orzamento desta edición, cunha achega de 700.000 euros que xerará un investimento duns 6,7 millóns.

- As axudas chegarán até o 15% do prezo do vehículo e poderán alcanzar os 7.000 euros.


- Máis de 30 concesionarios e talleres participen nesta nova campaña, realizando preto de 300 transaccións.

- A Xunta continuará mellorando os resultados deste Plan tendo en conta que o número de adquisicións e transformacións de vehículos eficientes aumentou nun 11% na actual lexislatura, con respecto ao anterior período de Goberno.

- 876 automóbiles eficientes circulan xa polas estradas galegas grazas a esta campaña.

VEF2011Santiago, 9 de decembro de 2011.- A Consellería de Economía e Industria a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), activa unha nova edición do Plan Vehículos Eficientes na procura da renovación e modernización do parque automobilístico galego, para avanzar na implantación dun modelo galego de mobilidade sostible e xerar un investimento asociado de 6,7 millóns de euros.

Este programa ten facilitado que 876 automóbiles eficientes circulen xa polas estradas galegas e coa nova edición do Plan Vehículos Eficientes sumaranse 300 máis, o que supón unha diminución do impacto ambiental dos medios de transporte que se traducirá nun aforro anual de 82 toneladas de petróleo, evitando a emisión a atmosfera de 266 toneladas de CO2.

O director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Eliseo Dieguez, salientou hoxe na presentación do programa que a Consellería de Economía e Industria incrementa nun 37% o orzamento destinado a esta edición do programa, con respecto ás achegas do pasado ano. O orzamento destinado para esta actuación de aforro e eficiencia enerxética alcanza os 700.000 euros, xerando un investimento asociado de aproximadamente 6,7 millóns de euros.

As axudas chegarán ata o 15% do prezo do vehículo e poderán alcanzar os 7.000 euros e está previsto que máis de 30 concesionarios e talleres participen nesta campaña, realizando preto de 300 transaccións.

Coches eficientes
O Plan permite á Xunta impulsar unha maior eficiencia enerxética no sector do transporte a través de incentivos para a adquisición de vehículos novos ou para transformacións que se alimenten con combustibles alternativos aos convencionais de gasolina e gasóleo. A través deste Renove diminúese o impacto ambiental, ao incentivar a compra de vehículos novos menos contaminantes e ademais promóvese a diversificación enerxética para reducir a dependencia do petróleo.

Esta liña de axudas está orientada á favorecer a compra de vehículos híbridos con capacidade de tracción ao 100% mediante baterías, ou de medios de transporte alimentados con gas natural, Gases Licuados do Petróleo (GLP) ou hidróxeno, mediante a concesión de axudas económicas que diminúan o extracusto nestes vehículos alternativos, en relación cos vehículos equivalentes de deseño e motorización tradicional.

Tamén se subvenciona igualmente a adquisición de motocicletas con capacidade de tracción eléctrica ao 100% e a transformación de vehículos matriculados, novos ou usados, a GLP. Ademais admítense os sistemas de financiamento de renting, leasing ou outros sistemas de arrendamento financeiros para estes vehículos eficientes. Poderán ser beneficiarios das axudas todas as persoas físicas ou xurídicas residentes en Galicia.

Este programa de potenciación da eficiencia enerxética no sector dos medios de transporte publícase hoxe no DOG, podendo solicitarse as axudas a partir do vindeiro día 20 de decembro. Poderán tomar parte neste plan todos os concesionarios que operen en Galicia e que comercialicen vehículos eficientes, así como todos os talleres autorizados para realizar transformacións de vehículos a GLP.