INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA ABRE O PRAZO DE SOLICITUDE DE AXUDAS DE ATA 7.000 EUROS PARA A ADQUISICIÓN DE VEHÍCULOS EFICIENTES

20/12/2011

- O plan estará vixente ata o 30 de xuño, podéndose consultar xa a listaxe de empresas colaboradoras a través da web do Inega.

- As axudas para adquisición de vehículos "full hybrid" chegan aos 2.300 euros, e aos 2.000 euros para os “mild hybrid”.

- Realizaranse 300 transaccións, que permitirán un aforro anual de 82 toneladas de petróleo, evitando a emisión a atmosfera de 266 toneladas de CO2.

- O orzamento deste ano incrementouse un 37%, ata os 700.000 euros, o que permitirá xerar un investimento asociado duns 6,7 millóns de euros.

Santiago, 21 de decembro de 2011.- A Consellería de Economía e Industria abre o prazo para a solicitude de axudas encamiñadas á adquisición de vehículos eficientes. Así, a partir de hoxe, todos aqueles que o desexen poden acudir aos concesionarios e talleres adheridos para solicitar as axudas correspondentes, que nesta ocasión chegarán ata o 15% do prezo do vehículo e poderán alcanzar os 7.000 euros.

O plan estará vixente ata o 30 de xuño, podendo xa os interesados consultar a listaxe de empresas colaboradoras a través da web do Instituto Enerxético de Galicia –www.inega.es-. Unha vez seleccionado o vehículo a comprar ou o tipo de transformación do motor, o taller ou concesionario debe reservar a axuda correspondente, agardando a confirmación de fondos por vía electrónica. A partir dese momento, a empresa dispón de 60 días naturais para presentar toda a documentación.

Nesta ocasión, as axudas chegan aos 2.300 euros para vehículos “full hybrid”, aos 2.000 euros para os “mild hybrid”, e ata os 7.000 euros para turismos de combustión directa de hidróxeno ou con pila de combustible. No caso de transformación do motor para que funcione con GLP ou gas natural, a subvención alcanza os 1.200 euros en vehículos novos, e os 450 euros nos de segunda man.

Obxectivos do Plan
Con esta nova edición do Plan de Vehículos Eficientes, a Consellería, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), aspira a realizar 300 transaccións, que permitirán unha diminución do impacto ambiental dos medios de transporte traducida nun aforro anual de 82 toneladas de petróleo, evitando a emisión á atmosfera de 266 toneladas de CO2.

Para iso, Economía e Industria incrementou nun 37% o orzamento, alcanzado os 700.000 euros, cifra que permitirá xerar na industria automobilística un investimento asociado de aproximadamente 6,7 millóns de euros.

Este programa facilitou xa en edicións anteriores que 876 automóbiles eficientes circulen polas estradas galegas. Deste xeito, impúlsase unha maior eficiencia enerxética no sector do transporte a través de incentivos para a adquisición de vehículos novos ou para transformacións que se alimenten con combustibles alternativos aos convencionais de gasolina e gasóleo.