INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

CASE O 95% DA ELECTRICIDADE CONSUMIDA EN GALICIA NO 2010 PROCEDEU DE FONTES RENOVABLES,CINCO VECES MÁIS DO OBXECTIVO FIXADO POLA UNIÓN EUROPEA

06/12/2011

- Un estudo do Instituto Enerxético de Galicia, dependente de Economía e Industria, revela que a comunidade dobraba o ano pasado a media de España, que se situaba tan só nun 40%.

- A comunidade roza xa, cinco anos antes, o reto fixado pola Xunta de Galicia para o 2015, segundo o informe do Inega.

- O fomento das enerxías renovables é un dos eixos de actuación da Consellería, que destina preto de 13 millóns de euros nesta lexislatura ao programa de axudas a este tipo de proxectos.

O 94,5% da enerxía eléctrica consumida en Galicia durante o pasado 2010 procedeu de fontes renovables, segundo datos dun estudo elaborado polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega), dependente da Consellería de Economía e Industria. Esta cifra supón multiplicar case por cinco o obxectivo marcado pola Unión Europea para ese mesmo ano, que se situaba no 21%, ao tempo que permite duplicar a media de España no 2010, que alcanzou tan só o 40,4%. Galicia roza así, cinco anos antes, o obxectivo para 2015 da Xunta de Galicia, que traballa para que nese ano o 95% da electricidade consumida na nosa comunidade proceda de enerxías renovables.

O fomento destas fontes sustentables é un dos eixos da política enerxética desenvolvida pola Xunta, que se fundamenta tamén no impulso do aforro e a eficiencia enerxética e a diversificación das fontes. Dentro desta aposta enmárcase a posta en marcha do Plan Re-xurde, grazas ao cal se sacaron a concurso 2.325 MW de enerxía eólica e que avanza para que no 2012 a potencia autorizada na nosa comunidade alcance os 6.500 MW. Ademais, o departamento que dirixe Javier Guerra leva destinados no que vai de lexislatura preto de 13 millóns de euros ao Programa de Axudas a Proxectos de Enerxías Renovables do Inega, entre outras medidas para fomentar e impulsar a instalación deste tipo de enerxías en Galicia.

Outro dato que deixa tamén de manifesto a posición de liderado de Galicia na produción de enerxía mediante fontes renovables é o consumo de enerxía primaria total, que, segundo os datos do informe do Inega, en 2010 alcanzou na nosa comunidade o 19,3%, superando amplamente o obxectivo marcado pola Unión Europea para ese ano, situado nun 12%.