INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA E AGACA TRABALLAN NA ELABORACIÓN DUN ESTUDO PARA COÑECER A EFICIENCIA ENERXÉTICA EN EXPLOTACIÓNS LÁCTEAS CO FIN DE REDUCIR CUSTOS E INCREMENTAR A PRODUTIVIDADE

01/01/2011

- O Instituto Enerxético de Galicia e a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias asinaron o pasado 31 de outubro un convenio de colaboración para realizar 10 auditorías enerxéticas en instalacións lácteas.

- A día de hoxe xa se realizou a selección das referidas instalacións e xa se efectuaron as primeiras visitas ás granxas seleccionadas.

- Os traballos, que deberán estar rematados a mediados de setembro de 2011, teñen como fin servir de referencia para que estas prácticas de aforro e eficiencia se fagan extensivas a máis explotacións leiteiras.

112-f-convenio Inega_AgacaSantiago, 1 de xaneiro de 2011.- O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), adscrito a Economía e Industria, e a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca) veñen de iniciar a elaboración dun estudo de optimización enerxética en 10 explotacións lácteas, representativas da actividade, tanto por dimensións como xeograficamente, co obxectivo último de reducir os custos de funcionamento e de incrementar a produtividade no sector.

Esta actuación, que se integra na estratexia global da Xunta pola potenciación do aforro e da eficiencia enerxética, iniciouse o pasado 31 de outubro coa sinatura dun convenio entre o Inega e Agaca, rubricado polo director do Instituto, Eliseo Diéguez García, e polo presidente da devandita asociación de cooperativas, que agrupa a máis de 100 e que aglutina a 40.000 membros do sector agroalimentario galego, José Luis López Vázquez.

Mediante o devandito acordo, que estará vixente ata o 15 de setembro de 2011, o Instituto Enerxético de Galicia achegará un máximo de 45.000 euros para a realización de 10 auditorías, que serán levadas a cabo por Agaca, nas explotacións elixidas, cunha axuda cun límite do 75% a fondo perdido e de 4.500 euros por cada un dos estudos realizados.

En base ao convenio, Agaca comezou a desenvolver, desde o pasado mes de novembro, os primeiros pasos para a realización deste estudo sectorial que permitirá coñecer a eficiencia enerxética das explotacións gandeiras de leite de Galicia, a través da identificación dos consumos enerxéticos térmicos e eléctricos rexistrados nas instalacións avaliadas.

Mostra representativa
Ata o momento seleccionáronse as 10 explotacións galegas obxecto de estudo, de diferentes tamaños e características, con salas de muxido en espiña ou con robot, dotadas ou non de instalación solar térmica, etc. na procura de confeccionar, deste xeito, unha mostra representativa das 12.000 explotacións de leite de Galicia que permita facer unha extrapolación cos datos acadados.

Ademais, para levar adiante este plan de optimización enerxética no sector lácteo realizaranse auditorías individuais de cada explotación e un informe global de eficiencia enerxética, no que se analizarán as posibilidades de utilización do biogás a partir de residuos agrogandeiros e emprego de enerxías renovables. Sobre cada unha das medidas propostas cuxa aplicación resulte de interese, elaborarase unha estimación do investimento necesario para implementalo, do aforro enerxético derivado e do período de retorno simple do investimento que faría falla para realizar cada unha das actuacións recomendadas.

A obtención de datos virá determinada mediante enquisas específicas onde se constate información como potencia eléctrica contratada, produción leiteira, periodicidade de recollida de leite, número de puntos de muxidura, superficie agrícola, etc. e outra referida aos tempos empregados nos labores, aos consumos de enerxía e auga, segundo a maquinaria empregada, consumos de combustibles, alumeado e incluso, os consumos referidos á vivenda.

Así mesmo examinaranse as características xerais das edificacións (superficie, orientación, tipo de fachada e cuberta) e das instalacións (motores, potencias, horas de utilización, etc.) e incluso estase a instalar un aparello para analizar os picos de consumo eléctrico durante as 24 horas do día, ao tempo que se recollen os consumos de enerxía eléctrica e de gasóleo para obter uns ratios de consumo enerxético en relación coa produción de leite.

Primeiras visitas ás explotacións
Os técnicos de Agaca xa visitaron dúas explotacións situadas na zona de Silleda para realizar o traballo de campo. A primeira explotación a auditar é unha explotación familiar de 35 vacas en muxidura e 300.000 quilogramos de cota distribuídas nunha sala en forma de espiña, mentres que a segunda dispón de 180 vacas en muxidura e 1.300.000 kg de cota nunha sala de muxido traseiro. Proximamente comezarase a estudar outra explotación, emprazada en Palas de Rei, e que posúe unha instalación solar térmica para quentar a auga de limpeza das instalacións, así ata completar as dez obxecto do convenio, que terá que estar finalizado en setembro de 2011.

Replicabilidade do estudo
O fin último que Economía e Industria, a través do Inega, e Agaca pretende co desenvolvemento do presente estudo é optimizar o consumo enerxético nas instalacións analizadas, reducindo os custos de funcionamento e mellorando a súa competitividade, conscientes da existencia en Galicia de 12.000 establecementos de vacino orientados á produción de leite, nos que é posible incrementar o uso racional de enerxía, co conseguinte aforro enerxético e económico. Trátase de que os resultados finais do estudo teñan replicabilidade en máis casos, é dicir, que esta práctica de aposta polo aforro e a eficiencia no sector leiteiro constitúa un referente a seguir en máis instalacións.

  1. Descarga