INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA IMPULSA NOVAS ACCIÓNS FORMATIVAS PARA PROMOVER A CONDUCIÓN EFICIENTE DE VEHÍCULOS

02/01/2011

- A Xunta impulsa a impartición de cursos de condución eficiente de vehículos turismos que permitan diminuír o consumo medio de combustible ata un 15% e aumentar a seguridade.

- Poderán participar nestas técnicas de condución eficiente tanto monitores de autoescola como particulares.

116-f-ESOL_Inega_EGAPSantiago, 2 de xaneiro de 2011.- A Consellería de Economía e Industria, financiará novos cursos de condución eficiente de vehículos, ao abeiro dun convenio de colaboración asinado polo director do Inega, Eliseo Diéguez García; o director xerente da Fundación Axencia Intermunicipal da Enerxía de Vigo (Faimevi), Bernardo Parajó Calvo; o director da Fundación Enerxética Provincial da Coruña (Faepac), Jesús Castro Lozano, e o xerente da Fundación Sotavento Galicia, José Núñez Baña, respectivamente.

Estes cursos impulsados pola Consellería de Economía e Industria facilitan un uso máis eficiente dos medios de transporte, mediante o fomento dun novo estilo de condución dos vehículos turismos, co que se obterán diminucións no consumo de combustible de ata un 15% sobre a condución convencional, e se incrementará, ademais, a seguridade.

Poderán participar nestas técnicas de condución eficiente tanto monitores de autoescola como particulares. As clases levaranse a cabo nun percorrido urbano, de aproximadamente entre 5 e 7 quilómetros e que conte coa maior parte dos elementos representativos da circulación na cidade (cruzamentos, semáforos, rotondas, prazas, vías de dobre sentido, pendentes de subida e baixada, etc.) e nas que a aplicación dunha ou doutra técnica de condución signifiquen diferenzas de consumo. Cando os cursos se realizan en zonas rurais incluiranse os máximos elementos sinalados e poderán simularse os que non existen polas características propias da zona.

As accións formativas, que deberán impartirse ata o 30 de xuño de 2011, contarán con monitores expertos que explicarán as técnicas ao volante para aproveitar a eficiencia enerxética dos vehículos industriais. O alumno terá a posibilidade de comparar a influencia de técnicas de condución eficiente no consumo do combustible mediante unha proba práctica que se verificará antes e despois da sesión teórica.

O pasado ano tomaron parte nestes cursos de condución eficiente de vehículos turismos, impulsados polo Inega, un total de 1.864 alumnos, desenvoltos en colaboración cuns 50 concellos así como con diversas asociacións.

Esta actuación, que se enmarca na aposta estratéxica da Xunta pola potenciación do aforro e da eficiencia enerxética, desenvólvese en colaboración coas tres Fundacións citadas anteriormente, e tamén en colaboración co IDAE.