INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA PROMOVE A IMPLANTACIÓN DE MEDIDAS DE OPTIMIZACIÓN ENERXÉTICA NO SECTOR INDUSTRIAL MEDIANTE A REALIZACIÓN DE AUDITORÍAS NAS EMPRESAS DO SECTOR DO GRANITO

06/01/2011

- O director do Instituto Enerxético de Galicia, Eliseo Diéguez, e o presidente do Clúster do Granito, Fernando Varela, asinaron un convenio de colaboración en base ao que se desenvolverá un estudo sectorial sobre o consumo enerxético neste ámbito.

- Ao remate das auditorías estimarase o custo monetario das melloras enerxéticas que resulten de interese e divulgaranse os resultados desta radiografía sectorial entre os asociados.

Santiago, 6 de xaneiro de 2011.- O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), adscrito á Consellería de Economía e Industria, e a Asociación Clúster do Granito (ACG), promoverán a implantación de medidas de aforro e eficiencia enerxética nas empresas do sector do granito, co fin de reducir os custos de funcionamento e de mellorar a competitividade, en base a un convenio de colaboración asinado polo director do Inega, Eliseo Diéguez, e polo presidente da Asociación Clúster do Granito (AGC), Fernando Varela, no marco de colaboración que o Instituto ten establecido co IDAE (Instituto para la Diversificación y el Ahorro de la Energía).

En total levaranse a cabo 13 auditorías en empresas do sector representativas da actividade, tanto en dimensións como no ámbito xeográfico, das que 5 se desenvolverán en grandes fábricas de teares, 4 en plantas que se dediquen á talla de bloques e outras 4 en canteiras. As empresas obxecto de estudo deberán pertencer ao sector industrial, é dicir, non terán vinculación coa industria extractiva enerxética e serán elixidas polo Clúster do Granito entre aquelas instalacións que amosen interese en tomar parte neste convenio, co beneplácito final do Inega á mostra escollida.

Así mesmo o Clúster do Granito -organización na que están representadas as principais empresas galegas extractoras e transformadoras do granito, así como as fabricantes de maquinaria para o sector, as marmoristas e o Centro Tecnolóxico do Granito de Galicia-, será o encargado de poñerse en contacto coas diferentes empresas e explicarlle o obxecto do convenio. Non obstante o Clúster deberá comunicar ao Inega con suficiente antelación a data prevista da visita, para eventualmente permitir a presenza dun representante do Instituto adscrito ao departamento que dirixe Javier Guerra.

Coordinación e execución dos traballos
O Clúster do Granito contará para o desenvolvemento do convenio coa participación do Centro Tecnolóxico do Granito de Galicia, a través da súa Área de Desenvolvemento Sostible, que ten entre os seus obxectivos incentivar as boas prácticas e a eficiencia en materia de enerxía e de coordinar as distintas actuacións. Mentres o traballo técnico será realizado por unha empresa especializada na realización das auditorías enerxéticas.

As auditorías desenvolveranse en varias fases. Nunha primeira, técnicos cualificados comprobarán o estado da planta a auditar e realizarán un inventario da explotación no que se recolla información tal como copias das facturas de consumo eléctrico do último ano; curva horaria de demanda eléctrica; consumo de combustibles no último ano; outros equipos de consumo enerxético utilizados; datos dos vehículos e maquinaria; reconto dos puntos de luz e tecnoloxía utilizada; descrición do tamaño da instalación, número de empregados, datos de produción e diagrama de proceso, memoria explicativa e reportaxe fotográfica.

Así mesmo, realizarase unha entrevista cos propietarios ou xerentes da instalación para obter información sobre os principais problemas de xestión da empresas, así os investimentos máis recentes en actuacións de aforro enerxético e actuacións prevista a curto e medio prazo.

Coa información obtida na visita, posteriormente ampliada polo empresario e por posteriores inspeccións, realizarase unha análise do estado dos equipos e das distintas posibilidades de optimización enerxética que sexan tecnicamente viables (optimización da factura eléctrica; eficiencia das instalacións eléctricas e lumínicas; eficiencia dos medios de transporte, escavación, etc.).

Cuantificación económica das melloras
enerxéticas que resulten de interese elaborarase unha estimación do investimento necesario para levalas adiante, o cálculo do aforro derivado de cada actuación e o período de retorno simple do investimento. Toda a información de cada auditoría recompilarase nun informe que será entregado pola empresa auditora ao Clúster do Granito, que á súa vez lle fará chegar copias del ao Inega.

Divulgación dos resultados
Con todo o material a empresa auditora, unha vez completas as 13 auditorías, elaborará un documento resumo co fin de difundir os seus resultados. No informe deberá figurar unha análise do consumo polos distintos subsectores; un capítulo no que se detallen as medidas de aforro enerxético de maior importancia e o investimento necesario e as conclusións sobre a xestión enerxética nas empresas e as medidas correctoras recomendadas. O Clúster deberá completar este documento introducindo unha descrición do escenario do sector, de xeito que resulte un documento final titulado “Estudo sectorial do granito en Galicia”, así como difundir esta radiografía das empresas graniteiras entre os seus asociados, resaltando o apoio do Inega na realización das auditorías.

O Instituto Enerxético de Galicia achegará ata un máximo de 6.000 euros por cada unha das 5 auditorías realizadas nas grandes fábricas de teares; de 4.500 euros para cada estudo realizado nas empresas de tallas de bloque, un total de 4; e 3.000 euros para as auditorías feitas en cada unha das 4 canteiras. A subvención será en todos os casos dun máximo do 75% do custo de cada auditoría, mentres que o resto correrá por conta do Clúster do Granito. A data límite para a execución e pago de todas as actuacións de aforro e eficiencia enerxética no sector da industria do granito previstas no convenio é o 15 de setembro de 2011.