INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA PROMOVE AS POSIBILIDADES DE UTILIZACIÓN DAS ENERXÍAS RENOVABLES NO EIDO MUNICIPAL, MEDIANTE A EXPERIENCIA DE CARÁCTER EXEMPLARIZANTE DO PROXECTO E-SOL

18/01/2011

- O director do Instituto Enerxético de Galicia e o máximo responsable da EGAP, inauguraron o seminario técnico sobre “O aproveitamento das enerxías renovables e a xestión sostible das entidades locais”, no que se deron cita preto de 300 persoas procedentes tanto do sector público coma do sector privado.

Santiago, 18 de xaneiro de 2011.- Explicar, desde a experiencia do proxecto E-SOL ("Enerxía Sostible Local"), as posibilidades de utilización e aplicación que as enerxías renovables teñen no eido municipal é o obxectivo primordial dun seminario que promovido polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega), adscrito a Economía e Industria, se está a desenvolver esta mañá na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), e que foi inaugurado polo director do Inega, Eliseo Diéguez García, e polo máximo responsable da EGAP, Pablo Figueroa Dorrego.

Ante preto de 300 asistentes, o director do Instituto Enerxético de Galicia defendeu "o potencial de aproveitamento que teñen as fontes renovables nas instalacións municipais, tal como se pon de manifesto co programa E-SOL dirixido polo Inega, no que se seleccionaron 12 edificios municipais nos que se substituíron sistemas convencionais con fontes de enerxía fósiles ou con conexión á rede eléctrica convencional por sistemas de enerxías renovables, permitindo aforros económicos, enerxéticos e de redución de emisións de CO2 á atmosfera notorios".

Neste sentido Diéguez expuxo a modo de exemplo a instalación dun sistema central con caldeira de biomasa alimentada con pellets en tres edificios públicos no concello de Riós, un dos concellos participantes en E-SOL, que supón un aforro medio de combustible do 75% e mediante o que se evitan 65 toneladas de CO2 anuais.

Así mesmo o responsable do Instituto adscrito a Economía e Industria resaltou o "carácter exemplarizante que este proxecto, que se incardina na aposta estratéxica da Xunta pola potenciación da eficiencia enerxética e das enerxías renovables, debe ter como referente e modelo a seguir para a posta en marcha doutras experiencias similares que permitan ir estendendo o uso das fontes limpas".

Xornada final de presentación de resultados
Os resultados finais do proxecto E-SOL, que se vén desenvolvendo desde o ano 2009, serán expostos nunha xornada técnica de conclusións, que se desenvolverá a finais do primeiro semestre de 2011 no Instituto Politécnico de Viana do Castelo, outro dos socios deste proxecto, xunto cos concellos de Verín, Baltar, A Mezquita, Riós, as cámaras municipais de Chaves e Vinhais, todos baixo a dirección do Inega, como xefe de filas.

Neste encontro técnico sobre "O aproveitamento das enerxías renovables e a xestión enerxética nas entidades locais", de carácter gratuíto e orientado principalmente a persoal da administración local e autonómica e a empresas do sector enerxético, que se continúa a desenvolver durante a mañá de hoxe na EGAP, abranguerá relatorios sobre distintos aspectos como as liñas de axuda que o Inega ten para o aproveitamento das enerxías renovables e da eficiencia enerxética nas súas instalacións, así como sobre as distintas actuacións que se están a levar no marco do proxecto E-SOL, tales como un estudo sobre o aproveitamento da biomasa forestal na zona transfronteiriza ou actividades de formación en xestor enerxético municipal, entre outras.