INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA DESTINA PRETO DE 500 MIL EUROS Á RENOVACIÓN DE EQUIPOS DE ILUMINACIÓN INTERIOR, CON AXUDAS DUN 25% DO CUSTO E DE ATA 1.500 EUROS POR VIVENDA, QUE XERARÁN 2 MILLÓNS DE EUROS

19/01/2011

- O director do Instituto Enerxético de Galicia presentou a primeira edición desta nova liña de axudas coa que se pretende mellorar a eficiencia enerxética, a través da substitución das instalacións existentes de iluminación por outras máis eficientes, reducindo así o consumo de enerxía.

- Será subvencionable o cambio de luminarias, lámpadas ou reactancias existentes por luminarias de maior rendemento, cando permitan reducir a potencia instalada nun 30%, así como a instalación de sistemas de control por presenza e regulación do nivel de iluminación, sempre que posibiliten conseguir un aforro enerxético de cando menos un 20% anual.

- 500 euros é o investimento mínimo para que a actuación sexa subvencionable.

- As axudas poderanse solicitar a partir dos 65 días hábiles contados desde o seguinte á publicación no DOG e ata o 30 de xullo de 2011 ou ben ata a finalización anticipada por remate de fondos.

117-f-1Santiago, 19 de xaneiro de 2011.- O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), adscrito á Consellería de Economía e Industria, destina 493.409 euros á posta en marcha da primeira edición do Plan Renove de Equipos de Iluminación Interior, unha nova liña de axudas coa que se pretende mellorar a eficiencia enerxética, a través da renovación das instalacións lumínicas existentes por outras máis eficientes, reducindo así o consumo de enerxía.

O Plan Renove de Equipos de Iluminación Interior, que foi presentado hoxe en rolda de prensa polo director do Inega, Eliseo Diéguez García, xerará un investimento asociado de aproximadamente 2 millóns de euros; un aforro de enerxía primaria eléctrica estimado en 1.193.570 kWh/ano e a redución de emisións de máis de 180 toneladas de CO2 á atmosfera. Con esta actuación enmarcada na aposta estratéxica da Xunta de Galicia pola potenciación do aforro e da eficiencia enerxética, prevese chegar a máis de 350 vivendas e edificios do sector terciario.

A devandita campaña entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG de 19 xaneiro de 2011) e rematará o 30 de xullo de 2011, ou ben cando se esgoten os fondos correspondentes. A solicitude de axudas poderase facer a partir dos 65 días hábiles contados desde o seguinte á publicación no DOG (isto é, desde o 6 de abril) e ata a finalización anticipada por remate de fondos.

Actuacións subvencionables
A través do Renove de Equipos de Iluminación Interior, o Instituto Enerxético de Galicia subvencionará a substitución de luminarias, lámpadas ou reactancias existentes por luminarias de maior rendemento, lámpadas de maior eficiencia e reactancias electrónicas regulables, sempre e cando permitan reducir a potencia instalada en iluminación, polo menos, nun 30%, cumprindo os requirimentos de calidade e confort visual regulamentarios.

Así mesmo incentivarase a instalación de sistemas de control por presenza e a regulación do nivel de iluminación segundo aporte de luz natural, axustándose ás necesidades do usuario sempre e cando permitan conseguir un aforro enerxético dun mínimo do 20% anual respecto a instalacións sen control ou regulación. Cómpre indicar que o investimento mínimo para que a actuación sexa subvencionable é de 500 euros.

Contía e beneficiarios
A contía máxima da subvención é do 25% do custo elixible da nova instalación de iluminación, cun límite de 1.500 euros por vivenda unifamiliar; de 10.000 euros por edificio de vivendas en bloque e de 25.000 euros por edificio destinado a outros usos, non a vivenda.

Poderán acollerse a estas axudas do Inega as comunidades de veciños, as persoas físicas e xurídicas de dereito público ou privado (propietarios de vivendas ou edificios do sector terciario, empresas de servizos enerxéticos, empresas municipais de vivendas, etc.), sempre que a actuación subvencionable se realice en inmobles, edificios de vivendas ou edificios terciarios.

En primeiro lugar, o comprador dirixirase a un instalador adherido ao Plan Renove de Equipos de Iluminación Interior e adquirirá os materiais obxecto da subvención. A continuación, o instalador realizará a solicitude de fondos mediante a aplicación web habilitada ao efecto, imprimirá os impresos da axuda e o comprador asinará a súa conformidade.

O instalador disporá de 60 días naturais desde o día seguinte á data de reserva de fondos para realizar a instalación; cobrar o importe da factura co desconto da axuda establecida, calculada na aplicación informática e para remitir toda a documentación ao Inega para o cobro da subvención.

Pequenos xestos, gran aforro
Con esta nova actuación o Inega e a Consellería de Industria continúan coa aposta pola potenciación do aforro e da eficiencia enerxética, convencidos de que a través de pequenos xestos se pode chegar a aforrar moito. Así, por exemplo, coa substitución dunha lámpada convencional de 100 W por unha de baixo consumo equivalente, actuación subvencionable no marco do Plan Renove de Iluminación Interior, pódese alcanzar un aforro de 86,4 kWh/ano e de 14,7 euros anuais; un aforro que se traduce en 77.792 MWh/ano e 13,2 millóns de euros, se temos en conta a totalidade de vivendas existentes en Galicia, e en 1.225.799 MWh/ano, é dicir, 208 millóns de euros anuais, se a extrapolación se fai ao conxunto de fogares de España.

O Plan Renove de Equipos de Iluminación Interior de Economía e Industria incardínase na estratexia global de aforro, á que desde o Instituto Enerxético de Galicia se destina neste exercicio algo máis de 21 millóns de euros para xerar un aforro enerxético superior a 193 mil MWh anuais, un aforro económico de case 16 millóns de euros anuais, unha redución de 78 mil toneladas de CO2á atmosfera e a xeración dun investimento asociado de 75 millóns de euros.

Tags: iluminación, vivienda, axudas