INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

AS AXUDAS DO NOVO PLAN RENOVE DE CLIMATIZACIÓN DE ECONOMÍA E INDUSTRIA, DE ATA O 25% DO CUSTO, ÁBRENSE O 3 DE FEBREIRO E PROPICIARÁN UN INVESTIMENTO ASOCIADO DE 3,5 MILLÓNS DE EUROS

29/01/2011

- A campaña do Instituto Enerxético de Galicia adscrito ao departamento que dirixe Javier Guerra contará cun orzamento inicial de 1 millón de euros

- Con esta nova liña de axudas, que se enmarca na estratexia de aforro e eficiencia enerxética da Xunta, prevese chegar a máis de 1.000 vivendas e lograr a adhesión ao Plan de máis de 200 establecementos adheridos, así como alcanzar un aforro de enerxía primaria de 212,4 toneladas equivalentes de petróleo, o que supón evitar a emisión de 776 toneladas de CO2 á atmosfera. Será subvencionable o cambio de caldeiras, equipos de climatización e bombas de calor pola compra doutros equipos de alta eficiencia enerxética con potencia maior ou igual que 5 kW e menor ou igual a 70 kW presentación do PRClimatización2010

111-f-presentacion_PRC2010Santiago, 29 de xaneiro de 2011.- As axudas do novo Plan Renove de Equipos de Climatización que a Consellería de Economía e Industria prestará desde o Instituto Enerxético de Galicia (Inega), cunha contía de ata o 25% do custo, poderanse solicitar desde o vindeiro xoves, 3 de febreiro, e ata o 30 de xuño de 2001, ou ben ata a finalización anticipada por remate de fondos.

A través desta campaña, que se incardina na aposta estratéxica da Xunta de Galicia pola potenciación do aforro e a eficiencia enerxética, preténdese reducir o consumo das instalacións térmicas de calefacción, climatización e produción de auga quente sanitaria, a través da substitución de equipos convencionais por equipos de alta eficiencia enerxética: caldeiras de condensación, equipos de climatización e bombas de calor.

O Plan Renove de Equipos de Climatización 2010, que conta cun orzamento inicial de 1 millón de euros, permitirá xerar un investimento asociado de en torno a 3,5 millóns de euros, e con el prevese chegar a máis de 1.000 vivendas e edificios e lograr a adhesión de máis de 200 establecementos. Ademais, a campaña permitirá un aforro de enerxía primaria estimado en 212,4 toneladas equivalentes de petróleo, o que supón evitar a emisión de 776 toneladas de CO2 á atmosfera.

A través desta actuación, Economía e Industria e Inega incentivarán a substitución de equipos de potencia nominal térmica maior ou igual que 5 kW e menor ou igual a 70 kW por equipos de alta eficiencia enerxética que, ao igual que as marcas e modelos subvencionables, poden consultarse na páxina web do Inega, www.inega.es.

A contía das axudas, dun máximo do 25% do custo total da obra, poderán chegar a alcanzar, en función da potencia nominal, os 1.320 euros no caso de caldeiras de condensación e os 3.840 no caso de substitución de equipos de aire acondicionado e bombas de calor.

Os beneficiarios das axudas poderán ser persoas físicas ou xurídicas, de dereito público ou privado, propietarias de vivendas ou edificios do sector terciario, sempre e cando a actuación subvencionable se realice en vivendas ou edificios do sector terciario da súa titularidade sitos na comunidade autónoma de Galicia e cando tramiten a súa solicitude a través dalgunha das entidades colaboradoras adheridas ao Plan.

Obtención da axuda

O comprador dirixirase a un instalador adherido ao Plan Renove de Equipos de Climatización e adquirirá o equipo obxecto da subvención. O instalador realizará a solicitude de fondos mediante a aplicación web habilitada ao efecto, imprimirá o impreso de axuda e o comprador asinará a súa conformidade. A continuación o instalador realizará a obra e cobrará o importe da factura co desconto da axuda establecida, para o que terá un prazo de 90 días naturais desde o día seguinte á reserva de fondos. En último termo, o instalador remitirá toda a documentación ao Inega para o cobro da subvención.

O Plan Renove de Equipos de Climatización 2010 incardínase na estratexia de aforro e eficiencia enerxética para o exercicio en curso, que conta cun orzamento total superior aos 21 millóns de euros, e co que se estima a xeración dun aforro enerxético superior a 193 mil MWh anuais, un aforro económico de preto de 16 millóns de euros anuais, e unha redución na emisión á atmosfera de máis de 78 mil toneladas de CO2, mobilizando ademais un investimento asociado de 75 millóns de euros.

  1. Descarga Audio Director Inega